O viño e a produción vitivinícola centran mañán venres unhas xornadas formativas e de divulgación no Barco de Valdeorras
O profesor da USC Julián García Berrios e a investigadora Ángeles Camino guiarán unha sesión matinal no IES Lauro Olmo e outra vespertina, no edificio multiúsos de esta localidade de O Barco.
O viño e a produción vitivinícola centrarán este venres, día 3 de outubro, unha nova sesión das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’. O profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Julián García Berrios e a investigadora na Escola Politécnica Superior de Lugo María Ángeles Camino Saco serán os relatores encargados de abordar esta temática nunha dobre sesión, unha matinal dirixida a estudantes de ensino secundario e outra aberta ao público en xeral, que se celebrará en quenda de tarde no Edificio Multiúsos.
A sesión matinal, orientada ao estudantado e ao persoal do instituto de ensino secundario Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, desenvolverase a partir das 12.30 horas no referido centro de ensino. A xornalista Almudena Martín Rodríguez, será a encargada de moderar esta intervención. Xa en quenda de tarde, o Edificio Multiúsos do Barco, acubillará, a partir das 20.00 horas, unha sesión aberta ao público en xeral e que contará como relatores cos mesmos protagonistas.
Este foro sobre viño e produción vitivinícola encádrase no marco das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. Este ciclo, que comezou a súa andaina o 24 de setembro en Ribeira e tamén se detivo en Sarria, terá en Lalín a terceira estación dun itinerario que o levará por 20 concellos galegos nos que, dun ou doutro xeito, deixou a súa pegada o Camiño de Santiago.