O VIII Festival das Artes Escénicas de Riós mestura cinema, humor e gastronomía
O Centro Cultural “Marcos Valcárcel “ da Deputación de Ourense, acolleu esta mañá a presentación da VIII edición do Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel de Riós. O director cultural da Deputación de Ourense, César Fernández Gil, xunto co director do Festival, Rubén Riós, a artista homenaxeada coa Castaña de Cristal, Mercedes Peón e María do Ceo, protagonista do bautizo de castiñeiros.
Este festival, tal e como destacou César Fernández Gil na presentación, é unha iniciativa que aporta valor engadido ó mundo cultural ourensán, polo que, a Deputación de Ourense colabora con el por ser unha referencia no mundo das artes escénicas na provincia.
O director do festival destacou que é unha firme aposta pola cultura no rural galego que, tras oito edicións e durante dous días, converte ao municipio no referente cultural da provincia. O evento terá lugar os días 13 e 14 de agosto na Praza do Concello de Riós e no souto de Castiñeiros do lugar.
Dentro da programación atópase a Ruta do Talento na que se fai un percorrido ao longo dos castiñeiros milenarios que nesta edición reciben novo padriño e madriña, Roberto Verino e María do Ceo. Ambos foron elixidos para o bautizo de dous exemplares ancestrais da devandita especie, polo que María do Ceo recalcou que era unha honra que o seu nome estivese para sempre nunha árbore.
A artista Mercedes Peón, recibirá a Castaña de Cristal pola súa ampla carreira artística e a súa firme aposta polo folclore e música galegos.
Esta oitava edición conta cunha novidade no seu programa de tipo gastronómico, Gastroñam. Os asistentes a este evento poderán degustar produtos 100% galegos e de calidade grazas ao menú Castañam que está composto por: tosta con crema de castaña e embutido e arroz con androlla e de sobremesa, empanada de mazá e bico de xeado de vainilla. O prezo do menú será de 12 euros con bebida incluída para o que será preciso inscrición e pago previos.
Na presentación tamén estiveron presentes Bruno Nieto e Daniel Fernández, director e protagonista do documental “Mil Sorrisos & un perdón”, que proxectarán por primeira vez ao público o segundo final da historia.