O veleiro Laion volve soltar amarras

  • As entidades Asdifica e Disvalia navegan no veleiro Laion de COGAMI pola ría de Camariñas
  • Este navío, que foi incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional, permite que persoas con discapacidade poidan vivir en primeira persoa a navegación a vela neste buque adaptado.

 

O veleiro Laion da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) volve soltar amarras e izar velas para proporcionar a oportunidade de gozar dunha experiencia que, de non ser por este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada), para moitas persoas seríalles imposible participar da experiencia de navegar.

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI Adisbismur – Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros- posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico-deportivas. Ademais, o veleiro permite o acceso á embarcación a calquera, ao estar dotado de adaptacións como un guindastre, que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida, ou uns asentos ou backets, tamén adaptados.

Para poder levarse a cabo nesta edición, este proxecto contou co apoio financeiro do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, a través do plan Corresponsables, que se centrará no desenvolvemento das persoas mozas con discapacidade como ferramenta de apoio á mellora das súas capacidades e habilidades, e tamén colabora o programa Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia a través da Federación COGAMI-Coruña.

As saídas, programadas durante quince días neste mes de setembro, serán dende o porto deportivo de Muxía, lugar de atraque do veleiro. As travesías serán, unha de mañá (de 11 a 14 h) e outra de tarde (de 16 a 19 h), pola ría de Camariñas, simulando o traxecto Muxía Fisterra, a última etapa do camiño de Santiago, que non é accesible por terra para persoas con discapacidade. A idea é que as persoas vivan a experiencia da peregrinación por mar como xa ocorría dende o século XII.

Durante quince días serán un total de 84 persoas as que van poder participar nesta experiencia de vela adaptada, todas elas usuarias de entidades como Asdifica, Disvalia, Alcer Coruña, Acem Coruña, Avante, Aixiña, Íntegro, Adisbismur, do centro de recursos de Medelo e dende o Proxecto Innovador que COGAMI está a levar a cabo nas instalacións do CEGADI en Santiago. Polo tanto, ata o porto de deportivo de Muxía embarcarán persoas que chegan dende os concellos de O Carballiño, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Val do Dubra, Ourense, Cabana de Bergantiños, Muros, Silleda e Santiago.

Características do veleiro Laion

O Laion, de 13 metros de eslora, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador electrónico que facilita o seu goberno.

Este proxecto, aparte de achegar o mar e a navegación á discapacidade, tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social. Todas as visitas que o Laion efectúa nos diferentes portos nos que atraca serven para amosar a diversidade na que vivimos.

 

También te podría gustar...