O turismo internacional marca en Galicia un máximo histórico no mes de febreiro cun incremento de preto do 23%
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un crecemento no seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 4,6% ata situarse nos 154.132 viaxeiros.
Subiron tamén no pasado mes as pernoitas rexistradas na comunidade galega nun 1,4% ata acadar un total de 277.097. Deste xeito, por vez primeira dende o ano 2008, as cifras de demanda hoteleira do mes de febreiro creceron en termos interanuais.
A nivel de mercados, o turismo interno correspondente aos viaxeiros residentes en Galicia presentou un incremento do 5,7% en relación ao mesmo mes do pasado ano. Pola súa parte, o turismo internacional incrementou as súas pernoitas nun 7,5% continuando coa tendencia de crecemento dos meses anteriores.
A ocupación hoteleira tamén mellorou no mes de febreiro, incrementándose 0,6 puntos porcentuais como consecuencia do bo comportamento da demanda. Este incremento deste ano engádese ao rexistrado nos dous anos anteriores cando a ocupación subira en 0,1 puntos en 2013 e en 0,5 puntos en febreiro de 2014.
Así mesmo, as tarifas hoteleiras en Galicia subiron neste pasado mes, un 0,2%. A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de febreiro, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade galega incrementar os seus niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de 2014 –o RevPAR subiu un 5,2%-.
A nivel estatal observouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas, incrementándose nun 5,7% e 4,3% respectivamente.
Máis de 290 mil viaxeiros nos dous primeiros meses do ano
Nos dous primeiros meses deste ano 2015 Galicia rexistrou un incremento da súa cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade, do 7,9% en relación ao mesmo período do pasado ano, rexistrando un total de 290.242. Así mesmo, a nosa comunidade rexistrou, por vez primeira vez dende o ano 2008, un crecemento das pernoitas hoteleiras nos dous primeiros meses do ano, dun 1,6% neste caso, rexistrando un total de 525.124.
En termos de mercado, o turismo receptor presentou un comportamento positivo. O turismo receptor nacional incrementou as súas pernoitas nun 1,4% e o internacional nun 10,4%.
Este incremento da demanda permitiu mellorar as cifras de ocupación do sector en 0,45 puntos porcentuais con respecto ao acumulado do pasado ano.
A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 6,5% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 4,2% no que atinxe ás pernoitas.
Máximo histórico de turistas estranxeiros en febreiro
Segundo a Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR) no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un total de 53.415 turistas estranxeiros, cifra que supón un incremento do 22,7% en relación ao mesmo período do pasado ano 2014. Esta notable crecemento coloca o nivel deste ano en máximo histórico nun mes de febreiro.
Galicia recibiu neste mes de febreiro o 1,6% do total de turistas internacionais de España.
Segundo FRONTUR, Portugal, co 60% dos turistas estranxeiros, é o principal mercado internacional en Galicia neste segundo mes do ano. Seguen en orde de importancia Reino Unido, co 15%, e Francia, co 9% neste caso.
En canto ao primeiro bimestre deste ano 2015, Galicia rexistrou preto de 120 mil turistas estranxeiros, cifra que supón un incremento do 11,2% en relación á cifra do mesmo período do pasado ano e un máximo histórico na comunidade.
Deste xeito, Galicia recibiu neste inicio de ano o 1,8% do total de turistas internacionais de España.
Portugal, co 58% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia neste primeiro bimestre do ano, seguíndolle en orde de importancia Reino Unido, co 11%, e Francia, co 9% neste caso.