O turismo internacional continúa alcanzando máximos históricos nos establecementos regrados de Galicia

image_gallery

 

Este ano Galicia experimentou unha importante mellora dos niveis de demanda turística correspondentes aos aloxamentos regrados cun incremento do 6,9% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados nos once primeiros meses do ano e do 4,8% no que atinxe ás pernoitas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que se rexistraron crecementos continuados nos viaxeiros desde a Semana Santa ata o pasado mes con incrementos de maior intensidade na temporada media cando se realizaron diferentes eventos de gran repercusión na nosa Comunidade como o paso da Volta Ciclista, a celebración de congresos como o I Congreso de Peregrinacións e Turismo ou outros acontecementos culturais como o Womex.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento das pernoitas situouse no 4,5% nos primeiros once meses do ano mentres que no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 6,3%. O turismo rural e as pensións foron os establecementos con ascensos máis acusados, concretamente do 16,8% e en case o 12% respectivamente.

O turismo internacional continua acadando máximos históricos no que vai de ano
Nestes once meses aumentaron os dous grandes segmentos de mercado. Subiu o turismo nacional nun 3,2% consecuencia dun maior volume de viaxeiros españois e o turismo internacional tamén presenta un comportamento positivo superando nun 10,9% o volume de pernoitas do pasado ano.

Esta mellora supón que o mercado internacional acada no que vai de ano outro máximo histórico tanto de volumes, superando xa o millón de viaxeiros e rozando o 1,75 millóns de pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representando o 26,9% dos viaxeiros e o 21,5% das pernoitas totais.

Neste sentido, o principal mercado estranxeiro nos establecementos hoteleiros deste ano foi Portugal que representou o 14,13% dos turistas internacionais que viaxaron a Galicia. Tras Portugal, os mercados de onde proveñen máis turistas estranxeiros foron Alemaña, Italia, Francia, EEUU, Reino Unido, Irlanda e Países Baixos. Neste sentido, Nava Castro salientou que o incremento máis acusado dos mercados estranxeiros foi o italiano, o cal aumentou nun 29,5% en relación ao mesmo período do pasado ano.

También te podría gustar...