O turismo de Galicia promociónase na feira ITB de Berlín, o certame turístico con maior repercusión a nivel mundial
Un ano máis Turismo de Galicia estará presente, entre os próximos días 4 e 8 de marzo, na feira ITB de Berlín (Alemaña), un dos certames turísticos máis importantes do mundo xunto ao World Travel Market (WTM) de Londres e a Feira Internacional do Turismo de Madrid (FITUR).
Deste xeito Turismo de Galicia presentará a oferta turística da Comunidade galega ao mercado alemán na feira sectorial con maior repercusión a nivel mundial.
Neste evento dedicado ao Turismo en xeral, Turismo de Galicia promocionará a ampla oferta turística da Comunidade galega, facendo fincapé naqueles recursos e produtos de especial interese para o mercado alemán, como é o Camiño de Santiago e o resto de experiencias turísticas que ofrece Galicia cos seus correspondentes paquetes de comercialización: Paseando entre Viñedos, Mananciais de Galicia, Turismo Mariñeiro, Santuarios Máxicos, Faros e Praias Salvaxes, Ruta da Camelia, Bosques de Galicia, Patrimonio Oculto e Lugares Únicos.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, manterá durante os días do certame diferentes reunións e encontros con diversos turoperadores e axentes de viaxes co obxectivo de establecer novos contactos comerciais, tanto con aqueles turoperadores que xa traballan o destino Galicia coma con aqueles que teñen previsto incluír a nosa comunidade entre a súa oferta.
Así mesmo, por primeira vez, e continuando coa aposta pola colaboración publico-privada, Turismo de Galicia participará nesta feira xunto co Clúster de Turismo de Galicia que disporá dun espazo de traballo onde desenvolver as súas relacións comerciais.
Segundo mercado internacional de Galicia
A participación neste certame permitirá influír no mercado turístico alemán, un mercado emisor moi importante para a nosa comunidade.
Concretamente, Alemaña é, despois de Portugal, o segundo mercado internacional máis importante para Galicia. O pasado ano 2014, o mercado alemán supuxo o 2,3% do total das pernoitas que se rexistraron na nosa comunidade.
No que se refire ao Camiño de Santiago, no pasado ano 2014, percorreron a Ruta Xacobea un total de 16.347 peregrinos procedentes de Alemaña, o que supuxo un 6,87% do total de peregrinos que chegaron a Compostela.
Alemaña ocupou así o lugar número 3 no ranking de países de chegada de peregrinos á Oficina de Acollida de Santiago de Compostela, tras España e Italia. Nos últimos anos, Alemaña era o país do que acudían máis peregrinos estranxeiros. Por primeira vez, os peregrinos procedentes de Italia superaron os alemáns no pasado ano 2014, feito que probablemente sexa debido á celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.