O TSXG da a razón á Deputación de Ourense no acordo sobre os traballadores da recollida de lixo
depA Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de ditar a sentencia que da a razón á Deputación de Ourense no acordo do traspaso de traballadores do servizo de recollida de lixo á que será a futura sociedade de economía mixta que se creará para a xestión dos residuos sólidos urbanos na provincia de Ourense, sociedade da que os traballadores deste servizo pasarían a depender tendo como garantía que todos manterían o seu posto de traballo, ben na empresa ou, de darse o caso, na deputación ou nos concellos, e tamén se lles garanten as condicións de traballo recollida no convenio que se lles aplica, segundo o acordo acadado no seu día entre a Deputación de Ourense e o comité de empresa.
O fallo do alto tribunal sinala que se deixa sen efecto a sentencia do Xulgado do Social nº4 de Ourense de data 24 de outubro de 2014 por entender que na resolución xudicial o maxistrado excedeuse nas súas funcións resolvendo sobre cuestións que non foron plantexadas polas partes. Desta maneira, o TSXG estima o recurso interposto no seu día pola Deputación de Ourense, “ao obxecto de que con plena liberdade de criterio se dite unha nova resolución que subsane as deficiencias”.
Ditas deficiencias refírense a que, segundo o TSXG, na sentencia do Xulgado do Social “incorreuse nunha incongruencia por exceso” por entender “que o xulgador resolve sobre algo que non se lle había plantexado, excedéndose das súas funcións”. Engade o alto tribunal que “é preciso que o maxistrado de instancia resolva a cuestión cinguíndose estritamente ao obxecto de debate”, entendendo que só se poden atender as cuestións plantexadas polas partes, “sen que o xulgador poida introducir outras diferentes, e menos aínda, resolvelas sorpresivamente na sentencia, pois o efecto é a indefensión da parte contraria, que é precisamente o que aconteceu neste asunto”.
A sentencia do TSXG permite agora retomar o proceso, baseado no acordo entre deputación e comité de empresa co que se encara con absoluta solvencia a creación dunha sociedade de economía mixta de xestión dos servizos intermunicipais delegados de recollida de RSU, recollida selectiva de envases lixeiros, vidro e papel–cartón e xestión de puntos limpos e servizos supramunicipais de transferencia de residuos e lavado de colectores.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, valora positivamente o fallo xudicial, “que posibilita que sigamos realizando as xestións necesarias para seguir mellorando este servizo e garantindo o emprego aos traballadores, xa que ningún perderá o seu posto de traballo».