O Servizo de tradución da Xunta ‘Gaio’ xa nunha APP
- Xa está dispoñible a aplicación do servizo de tradución da Xunta Gaio
- A app traslada aos dispositivos móbiles as funcionalidades de Gaio, que en menos dun ano rexistrou máis de 3 millóns de consultas e traduciu preto de 190 millóns de palabras
- Está dispoñible para os sistemas operativos Android e IOs e permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán
- Con Gaio xa son 25 os servizos en mobilidade da Administración autonómica
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de publicar a aplicación do sistema de tradución Gaio. A app, dispoñible para os sistemas operativos IOS e Android traslada aos dispositivos móbiles as funcionalidades de Gaio, un servizo de tradución interna da Administración autonómica, que a Xunta puxo a disposición da cidadanía en setembro de 2015.
A aplicación móbil Gaio, que conta cunha interface moi sinxela e intuitiva, permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O usuario que descargue Gaio poderá gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e predeterminar se aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas.
A nova app beneficiarase ademais de todas as melloras que se vaian incorporando aos dicionarios da aplicación web, que leva máis de dous anos en funcionamento a nivel interna na Xunta de Galicia, e dez meses dispoñible para toda a cidadanía.
Con Gaio xa son 25 as apps dispoñibles no catálogo de servizos en mobilidade da Xunta de Galicia e que abranguen servizos para demandantes de emprego (Mobem); para o ámbito educativo (abalarMóbil); para a mocidade (Carné Xove); relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute); coa pesca (Non piques-Non peques); co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus, Camiño de Santiago); coa prevención da violencia de xénero (escAPP) ou coas TIC na empresa (aplicación do Centro Demostrador TIC, CDTIC), entre outras.
Gaio, un servizo con máis de 3 millóns de consultas
Desde que se puxo a disposición da cidadanía hai dez meses, o servizo de tradución Gaio rexistrou 3,2 millón de consultas, que supuxeron a tradución de preto de 190 millóns de palabras.
Desde setembro Gaio recibiu máis de 1 millón de visitas que puideron acceder á tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán etc.
O servizo inclúe unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os concellos, consellerías etc.
Gaio está accesible desde o Portal da Lingua Galega, que tamén se reestruturou en setembro pasado para harmonizalo co deseño corporativo da Xunta e coas súas directrices de transparencia, seguridade e accesibilidade; completar o traspaso ao dominio.gal e presentar a información e os servizos dunha maneira máis intuitiva e transparente para a cidadanía.
O portal conta, de feito, cun eficaz buscador que permite localizar os contidos de interese sen necesidade de coñecer a estrutura do web ou a organización interna da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como con filtros que facilitan a selección dos recursos axeitados ás necesidades de cadaquén entre a ampla oferta con que conta este espazo web.