O Sergas inicia a obra de construción do novo centro de saúde do Couto
O Sergas da comezo ás obras para a construción do centro de saúde de O Couto (Ourense) coa formalización da acta de comprobación de replanteo celebrada hoxe e tras asinarse o contrato de obra entre o Servizo Galego de Saúde e a UTE VÍAS Y CONSTRUCCIONES, SA + PETROLAM A VEIGA, SL o pasado día 2 de febreiro.
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, visitou esta mañá os terreos onde se edificará este centro de saúde, acompañado da xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez e da xefa territorial de Sanidade, María Villar, entre outros.
O orzamento da adxudicación é de 3.278.067 euros para un superficie construída de máis de 2.700 metros cadrados. O centro está cofinanciado con ao 80% polo programa operativo Feder 2007-2013 e enmárcase na Estratexia Sergas 2014 de modernizar as infraestruturas da rede de Atención Primaria para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais.
A obra, que está previsto que se leve a cabo nun prazo de 14 meses, contará con 14 consultas na área de medicina xeral, enfermería, matrona, farmacia, odontoloxía, fisioterapia, sala de técnicas, sala polivalente, consulta de urxencias, consulta da muller, 2 consultas na área de pediatría, traballador social, ademais de área de admisión, arquivos, etc.