O Sergas garante a continuidade do tratamento aos pacientes que padecen a enfermidade de Morquio
O Servizo Galego de Saúde vén de comunicar aos pacientes e ás súas familias a continuidade do tratamento co medicamento Elosulfasa Alfa para a enfermidade de Morquio, unha vez avaliados os criterios clínicos dos nenos co equipo asistencial.
Ante a autorización do medicamento por parte da Axencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios a finais de marzo, e tras os oportunos contactos co laboratorio e cos profesionais que realizan o seguemento clínico dos pacientes, o Sergas adoptou a decisión de dar continuidade ao tratamento.
Esta decisión prodúcese ante a previsible comercialización do citado medicamento en España, que deberá producirse en próximas datas pero que, a día de hoxe, aínda non é unha realidade. O financiamento e asignación de prezo dos fármacos en España non corresponde ás comunidades autónomas, senón que é unha competencia do Goberno central.
Cómpre subliñar que, ata o momento da súa interrupción por parte do laboratorio, a utilización deste medicamento realizábase nun contexto de investigación clínica, o que supón un importante grao de incerteza tanto na eficacia como na seguridade. Nesta situación, as actuacións da Administración sanitaria deben ser sempre feitas coas maiores garantías para os pacientes.