O SERGAS estudará a posible ampliación da consulta de pediatría de Viana
- O Servicio Galego de Saúde estudará a posible ampliación da consulta de pediatría en Viana do Bolo
- En 2006 as xornadas de consulta pediátrica reducíronse a un día semanal sen que nestes 10 anos se rexistrase demanda algunha de ampliación horaria
- A poboación infantil da Unidade de Pediatría de A Rúa-Viana descendeu un 22% nos últimos oito anos, cun descenso mais pronunciado entre os menores de 3 anos, 27%, en tódolos concellos atendidos
Ante a recepción, nos últimos tres días, de preto dun centenar de queixas, por parte dunha asociación de nais de recente creación en Viana do Bolo, reclamando a ampliación horaria da consulta de pediatría deste centro, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense procederá a estudar a actividade e demanda desta unidade, que conta cunha xornada de consulta semanal desde que, xa en 2006, se reducira de nove a sete horas, sen ata data incidencia ou queixa algunha.
A Unidade de Pediatría, que conta con médico e enfermeira, é referencia para os Centros de Saúde de A Rúa e Viana do Bolo, atendendo un día por semana neste centro a poboación infantil desta vila, xunto á de A Veiga e Vilariño de Conso, que conta cun total de 211 rapaces menores de 15 anos -deles 38 menores de 3 anos- dos 717 que son atendidos pola unidade, que atende tamén, desde A Rúa , aos de Larouco, O Bolo, Petín e Vilamartín de Valdeorras.
Seguindo a tendencia que se rexistra tanto a nivel provincial como autonómico, a poboación infantil atendida por esta Unidade de Pediatría redúxose nos últimos oito anos Nun 22%, pasando de 927 rapaces menores de 15 anos, en 2008, a 717 en xuño de 2016. Esta redución é especialmente significativa entre os menores de 3 anos, onde o descenso chega ata o 27%, pasando de 184 a 133 nenos.
Asemade, pese a información feita pública hoxe pola devandita asociación, esta tendencia á redución da poboación infantil tampouco é unha excepción no concello de Viana, nin nos outros dous concellos atendidos no centro, que contaba en 2008 con 264 nenos e hoxe cun 22% menos, 211. Esta diminución é ainda maior entre os nenos de menos de tres anos, un 28% menos, pasando de 56 nenos en 2008 a 40 hoxe.
Xunto a elo, a Xerencia desexa aclarar que a ratio de nenos por pediatra, da Unidade de Pediatría de A Rúa-Viana é mais que óptima, e conta cunha coordinación directa e fluida cos equipos asistenciais de ambos centros, sen que ata a data se rexistrase incidencia ou queixa algunha sobre a oferta asistencial ou a distribución de tempos de consulta.