O Sergas convocará 351 prazas para persoal licenciado sanitario, 144 para diplomado sanitario e 323 para xestión e servizos
- Aprobouse por acordo unánime das organizacións sindicais a creación dunha nova categoría profesional, a de persoal de enfermería especialista
- Acadouse un acordo da práctica totalidade para a regulación dos itinerarios profesionais de determinadas categorías de licenciados sanitarios
O Servizo Galego de Saúde convocará, unha vez aprobado no Consello da Xunta, 351 prazas para persoal estatutario licenciado sanitario; 144 para persoal estatutario diplomado sanitario e de formación profesional, e 323 para persoal estatutario de xestión e servizos. En total, 818 prazas para a incorporación de persoal de novo ingreso e mediante promoción profesional.
Así se negociou onte na mesa sectorial de Sanidade coas organizacións sindicais en relación á oferta pública de emprego para o ano 2016. Deste xeito, dende o ano 2012 ata o ano 2016, Sanidade ofertou máis de 1.600 prazas no sistema sanitario público de Galicia.
Así mesmo, informouse sobre a celebración no mes de maio do presente ano dos exames de diplomados sanitarios, técnicos superiores e de formación profesional correspondentes á OPE 2015.
Outros acordos
Así mesmo, na citada mesa sectorial foi aprobada por acordo unánime das organizacións sindicais a creación dunha nova categoría profesional, a de persoal de enfermería especialista. Esta nova categoría permitirá a incorporación aos cadros de persoal do Sergas profesionais de novas especialidades de enfermería (familiar e comunitaria, pediátrica, médico cirúrxica, e xeriátrica).
Ademais, acadouse un acordo da práctica totalidade das organizacións sindicais para a regulación dos itinerarios profesionais de determinadas categorías de licenciados sanitarios, a través da mobilidade voluntaria dos profesionais cara a outras categorías de similar contido funcional. Deste xeito foméntase a conciliación da vida laboral e familiar destes traballadores.
Ambos acordos serán tramitados como decretos, e deberán ser aprobados no Consello de Xunta de Galicia.