O sector editorial galego participa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt
O sector editorial galego participa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt co apoio de Cultura e Educación.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia un ano máis a participación da industria editorial galega nunha das feiras internacionais máis importantes do sector, a Feira do Libro de Frankfurt, que este ano se desenvolverá na cidade alemá do 8 ao 12 de outubro.
Cos obxectivos de lle dar visibilidade á produción editorial galega e de favorecer un espazo para a actividade comercial entre os axentes galegos e os dos diversos países que participan no evento, a Xunta de Galicia habilita un stand no que se amosarán este ano as novidades de Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Baía Edicións, Kalandraka, KNS, Hércules Ediciones e Nova Galicia Edicións. Esta editorial xunto con Kalandraka, ademais da distribuidora Arnoia, contarán con cadanseu stand na feira.