O secretario xeral de Cultura agradece na Liga Galega de Bandas de Gaitas a dedicación das persoas que traballan en prol da música desde as agrupacións
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, agradeceu “a implicación e a dedicación” dos participantes na primeira fase da XXV Liga Galega de Bandas de Gaitas, que se celebrou hoxe no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coa participación dun total de formacións das catro provincias galegas e de fóra da comunidade. “Este recoñecemento –dixo– gustaríanos que servise como alento para continuar traballando en prol da música desde as agrupacións”.
A liga galega, que este ano chega ao seu vixésimo quinto aniversario co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “é unha oportunidade para as bandas de gaitas de establecer novos obxectivos técnicos e interpretativos, nunha esixencia permanente de mellorar a calidade musical”.
O camiño andado: 25 anos da liga
En referencia aos 25 anos do certame, asegurou que “son boa mostra do camiño que se leva feito” e destacou o gran salto producido tanto na participación como na calidade interpretativa das novas agrupacións. Segundo afirmou, “esa progresión foi e é posible grazas ao esforzo e á constancia de todos; das persoas que veñen promovendo a organización destes encontros e competicións no ámbito da música tradicional, dos músicos integrantes das formacións, do acompañamento das familias e mais do apoio constante que se veu ofrecendo desde as institucións”. Tamén se referiu á “contribución imprescindible dos grupos galegos de fóra de Galicia”, co traballo de bandas como a Xuntanza de Cataluña, que asiste en representación dos Centros Galegos de Cataluña.
Vivir a música con gozo e intensidade
“Eses valores de esforzo e constancia –dixo– para lograr facer mellor música e conseguir que as nosas expresións musicais estean cada vez máis presentes na sociedade están hoxe aquí nesta liga e deben ser o que prime sobre calquera outro aspecto competitivo”. Porque “a aspiración é facer boa música e vivir a música con gozo e intensidade”, concluíu.
As bandas de gaitas do Concello de Bóveda, de Boborás, de Lobeira, de Vilariño de Conso, de Vilar de Barrio, do Concello de Manzaneda de Esgos, da Escola de Gaitas da Deputación de Pontevedra nas sedes de Cangas, Lalín e Pontevedra, da Escola Municipal de Gaitas e Percusión Xinzo de Limia, Agarimo de Catabois, Nova Fronteira e Cartelle, Ambaca, Os Trintas e Os Fiadeiros, Tremiñado, Ledicia e Concello de Fornelos de Montes, Mato Vizoso de Vilalba e Xuntanza de Cataluña participaron ao longo da xornada na primeira fase da XXV Liga Galega de Bandas de Gaitas.
O certame, que vén promovendo a Federación Galega de Bandas de Gaitas coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, congrega anualmente milleiros de músicos. En 2014 foi de novo a Banda de Gaitas Ledicia e Concello de Fornelos de Montes quen obtivo o primeiro posto da competición de primeiro grao. No segundo e terceiro grao o premio foi para a Escola Municipal Gaitas e Percusión Xinzo de Limia e para San Vicente de Barrantes, respectivamente.
Ademais desta iniciativa do campo da música tradicional, a Secretaría Xeral de Cultura tamén apoia outras como a celebración do Filandón de Músicas do Courel ou, co Concello de Manzaneda, a realización do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas Memorial Gabino García.