O presidente da Xunta, Núñez Feijoo, confírmalle ao deputado Moisés Blanco que o novo TAC do Hospital de Valdeorras estará en funcionamento en xuño
- Moisés Blanco recordou que o PPdeG e o presidente Feijoo sempre avogaron por potenciar os servizos do Hospital ampliando a carteira de prestacións asistenciais e na actualidade presenta os mellores datos de espera para especialidades de Galicia “o que o converten nun centro de referencia”
O deputado do PPdeG, Moisés Blanco Paradelo, mantivo recentemente unha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na que este último confirmoulle que o novo TAC do Hospital Comarcal de Valdeorras estará funcionando o vindeiro mes de xuño.
Este equipamento fora aprobado no Consello da Xunta,xunto con outras actuacións, por un importe conxunto de 88 millóns de euros, para renovar a dotación tecnolóxica de centros sanitarios no Servizo Galego de Saúde.
No que se refire ao proceso de adxudicación do lote, no que está incluído o equipo, “na primeira quincena de abril está previsto que se reúna a mesa de contratación para avaliar os informes técnicos das correspondentes empresas “segundo lle informou o presidente da Xunta ao deputado popular “para, a continuación, proceder a reunir novamente á mesa para apertura dos sobres das ofertas económicas e, trala avaliación conxunta de ambas, realizarase a proposta de adxudicación”.
Moisés Blanco indicou que “nós sempre tivemos confianza absoluta no compromiso adquirido polo presidente da Xunta sobre as actuacións no Hospital Comarcal e que agora se van a confirmar cunha repercusión moi positiva na mellora da calidade asistencial dos pacientes”.
Fronte a esa confianza, asegurou, “lamentamos as dúbidas e informacións transmitidas nos últimos tempos pola oposición que o único que trataron foi de confundir á cidadanía sobre os trámites que se estaban levando a cabo para a adquisición deste importante equipamento”.
Moisés Blanco agradeceu a resolución do novo equipamento para o Hospital sobre o que se interesou no Parlamento de Galicia en varias ocasións “e que redundará en beneficios para os pacientes e sanitarios da zona que viñan padecendo esta carencia dende fai tempo e que dende o PPdeG adquirimos o compromiso de resolver”.
Así, o deputado popular destaca que con este equipamento de última xeración “ véñense a resolver os inconvenientes e as molestias polas continuas avarías do actual TAC tanto para os profesionais da saúde como para os pacientes, e que era unha urxente necesidade para o Hospital”.
MELLORES DOTACIÓNS E MELLORES DATOS
Moisés Blanco recordou que o PPdeG e o presidente Feijoo sempre avogaron por potenciar os servizos do centro ampliando a carteira de prestacións asistenciais “e se ten feito un esforzo importante para mellorar a oferta asistencial que fai do Hospital de Valdeorras un centro de referencia”.
Así mesmo engadiu que o Hospital é o que presenta os mellores datos de espera para especialidades de Galicia “situándose en 33,1 días, fronte á media galega de 80 días e o tempo de acceso a unha intervención cirúrxica para pacientes de nivel 1 en Valdeorras é de 6 días, unha das menores de toda Galicia”. “Todo isto non sería posible, por suposto, sen a contribución dos profesionais que traballan no Hospital que co seu esforzo e o seu bo facer son os protagonistas de que o centro teña os mellores resultados de Galicia” indicou Moisés Blanco.