O presidente da Deputación de Ourense explicita o apoio do goberno provincial para que o COB sexa equipo da ACB

rolda.de.prensa.cob.na.acb.05

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou ontr no Concello de Ourense xunto ao novo alcalde da capital ourensá, Jesús Vázquez, no acto no que ámbalas dúas institucións amosaron conxuntamente o seu apoio para que o Club Ourense Baloncesto (COB) cumpra os requisitos económicos necesarios para ser equipo da ACB.

Xunto ao novo rexedor municipal e ao presidente do COB, Antonio Gavilanes, Manuel Baltar felicitou ao consello de administración e á directiva do COB polo traballo que están a facer e dixo ”sentirse orgulloso”, como presidente da Deputación, como ourensán e tamén como expresidente do COB, de que tamén o Concello de Ourense se sume a este apoio en favor do club para que sexa equipo da ACB “porque sei o importante que isto é para a cidade e para a provincia, porque estar na ACB nos sitúa noutra dimensión deportiva, e por iso quero expresar a miña felicitación ao alcalde de Ourense por cambiar, nas 24 horas que leva á fronte do Concello de Ourense, unha política en branco e negro por unha política en cor, e tamén por ser valente, porque estar na elite do baloncesto europeo non é calquera cousa”.

O presidente do goberno provincial afirmou que o ascenso “acadouno primeiro o equipo na cancha e agora as institucións amosamos neste momento que temos claro que o futuro pasa por estar no máximo nivel competitivo”. Baltar reafirmou que como accionistas do COB, o feito de que se dera este paso “fala da cooperación nun proxecto común chamado “Ourense”, no que non hai ningunha distinción e simplemente o que se pretende é levar con orgullo o nome da nosa cidade e da nosa provincia polas mellores canchas de España e responder a esa ilusión colectiva que se xerou na cidadanía para levar a Ourense con letras maiúsculas alí onde esteamos”.

Manuel Baltar rematou dicindo que todas as verbas “teñen que ser de felicitación para o alcalde por sintonizar perfectamente co que demanda a cidade e a provincia, e por contribuír a situarnos entre todos nesa nova dimensión deportiva, económica e social que Ourense merece, pola que apostou, e que hoxe se materializa no Salón de Plenos do Concello de Ourense”.

También te podría gustar...