O PPdeG impide que Feijóo compareza para explicar os 255 recortes
Os votos do PPdeG na Deputación Permanente do Parlamento bloquearon este luns que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deba ofrecer no Pazo do Hórreo unha explicación «política» sobre o documento de 255 medidas de recortes en poder do Ministerio de Facenda porque está «descartado» que se vaian aplicar en Galicia.
Ante esta postura, o voceiro do grupo impulsor desta petición, o socialista José Luis Méndez Romeu, concluíu que ao mandatario autonómico dalle «noxo» a Cámara e por iso sostén que «nunca» compareceu «en cinco anos».
Así, dixo que a súa vontade –para o que contou co respaldo do resto da oposición– pasa tamén por que Feijóo aclare «que parte» dese documento de recortes foi elaborado pola Xunta. Ademais, censurou o seu «silencio» e a súa «negativa» á «dación de contas».