O pobo unido de Parteme segue traballando polo ben da veciñanza
- Tras case unha decena de escritos emitidos ao concello desde o verán de 2021 ata hoxe –para expoñerlle as súas demandas e pedir unha reunión co Alcalde– seguen sen obter contestación a ningún deles
A veciñanza de Parteme, na parroquia de Nocedo, en Quiroga, segue facendo traballos de mantemento das zonas comúns, traballos que entenden “son en boa parte competencia do Concello de Quiroga, feito que demostra unha pasividade e abandono total do pobo nas ultimas décadas”, comentan dende a asociación veciñal.
Os traballos máis recentes que abordaron foron os dos sábados 5 e 12 de marzo. A Asociación de Veciños de Parteme xuntábase de novo estes días para realizar a limpeza do acceso do camiño que leva á fonte publica, o remate do camiño da fonte así como tamén comezaban coa limpeza das rúas. “Con estes traballos, reclamados en moitas ocasións por escrito ao Concello de Quiroga, as veciñas e veciños de Parteme poderán ir á fonte sen medo a caer. Esta fonte é moi singular na zona ao constar de varios tanques de auga, cada un de eles para a súa función, un para consumo humano, outro para o consumo de animais e por ultimo un tanque no que se lavaba a roupa na súa época”, trasladan da asociación.
Tras varios escritos solicitando esta limpeza ao concello e non recibindo contestación nin predisposición pola súa parte afirman que non lles quedou máis remedio que darlle solución eles mesmos ao tema.
Dende o movemento veciñal comunican así mesmo que “a Asociación de Veciños de Parteme somos un colectivo que ten un obxectivo moi claro: velar pola boa conservación do pobo e buscar a forma de de mantelo en pé e cun mínimo de servizos para a veciñanza, que cremos non é moito pedir, máis se cabe se queremos que o rural non morra. E neste obxectivo teñen unha responsabilidade clara tamén as administracións públicas, empezando polo concello ao que pertencemos.
Tras décadas de abandono de Parteme por parte do noso concello, decidimos tomar cartas no asunto. Levamos case unha decena de escritos emitidos ao concello desde o verán de 2021 ata hoxe –para expoñerlle as nosas demandas e pedir unha reunión co Alcalde– e seguimos sen obter contestación a ningún deles. E preguntámonos, PARA QUE QUEREMOS POLITICOS SE FAN CASO OMISO ÁS NOSAS PETICIONS?. Realmente é incrible que uns veciños unidos con gran vontade de facer o ben para a comunidade, que son capaces de poñer cartos do seu peto e o seu tempo libre para realizar unha función que lle compete ao Ayuntamiento, sexan tratados como se esta tratando ao pobo de Parteme. ONDE ESTAN AS PARTIDAS ECONÓMICAS QUE LLE PERTENCEN OS PUEBLOS?
TRABALLOS NESTE MES DE MARZO
O pasado 5 de marzo xuntáronse varios veciños e veciñas, concretamente 12, e fixeron un labor enorme de limpeza, apartando pedras, terra e limpando maleza que había no camiño que leva á fonte Publica, o seguinte sábado dia 12 foron outras 6 persoas as que remataron os traballos na fonte para comezar despois coa limpeza das rúas. Ao parecer, o resultado foi un éxito e hoxe as veciñas que van a diario a por auga xa poden baixar máis tranquilas sen medo a caer. Respecto a este espazo de uso común lembran tamén que “tiñamos luz publica na fonte e cortaron o poste para quitar a farola, co cal non hai iluminación para acceder a ela cando non hai luz natural”.
Tras a limpeza, contan tamén dende a asociación, todos os veciños aledáronse moito e volveron recibir felicitacións de moitos veciños que están fóra con casa aquí despois de ver as fotos nas redes sociais e nos whatsapp.
REUNIÓN CO ALCALDE
Rematando o comunicado din tamén que “aínda que a algún lle moleste que a xente de fóra opine, e estea presente na alegría de ver que o pobo resiste e mellora, non van conseguir facelos calar. Son xente de Parteme, xente que está noutras partes da xeografía Española e do mundo pero que o seu corazón segue na súa terra, onde naceron e que por consecuencias da vida tiveron que emigrar. De Parteme somos todos, tanto os que vivimos día a día como os e as que están fóra e veñen de fin de semana, por tempadas ou nas vacacións. E os non empadroados tamén pagan impostos, non o esquezamos tampouco. Hai moito que facer neste pobo, non podemos deixalo abandonar e seguimos esperando a que o Alcalde se reúna coa asociación para escoitar ao pobo de Parteme e atender as nosas peticións de limpezas de rúas, camiños e tamén outras melloras e infraestruturas que cómpre acometer”.
Imaxes: