O pleno da Deputación aproba a creación dos servizos de xestión de residuos de obras e industriais non perigosos
O pleno da Corporación Provincial aprobou onte a creación do servizo supramunicipal de recollida e tratamento de residuos de obras de construción e demolición, e do servizo público supramunicipal de xestión de residuos industriais non perigosos e especiais. A planta de tratamento de residuos da construción e demolición (rcd’s) na comarca da Limia está localizada entre os núcleos rurais de Morgade e A Pena, no Concello de Xinzo de Limia. A actividade para desenvolver nas instalacións é a de tratamento e xestión de residuos da construción e demolición, e permite a clasificación e reciclado de rcd’s mesturados, procedentes tanto da demolición de edificios completos, sen clasificación en orixe, como de entullos xerados en obras menores.
O réxime xurídico do servizo será o determinado pola lexislación sectorial de residuos aplicable, sen prexuízo da posibilidade de que a Deputación de Ourense poida establecer unha ordenanza reguladora daqueles aspectos de detalle que se consideren necesarios. Asemade, acórdase que o modo de xestión do servizo sexa a xestión indirecta, mediante contrato de xestión de servizo público previsto no texto refundido da Lei de contratos do sector público.
Polo que atinxe ao servizo de xestión de residuos industriais non perigosos e especiais do «Centro Verde», a súa posta en marcha para atender ás empresas situadas no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, no parque empresarial de Pereiro e no polígono industrial Barreiros, xorde polo feito de intentar promover unha xestión conxunta dos residuos de carácter industrial e reducir os custos de escala que se derivan dunha ineficaz xestión individualizada. Este aforro derívase, por un lado, da busca de mellores prezos de mercados que poidan ofertar os xestores de residuos, polo feito de asegurarlles a través deste servizo maiores volumes de entrega de residuos. E por outro, da redución de custes para o xestor, procedentes da centralización de recollida de todos os residuos nun único punto, o Centro Verde de San Cibrao das Viñas.
Con este «Servizo provincial de xestión integral de residuos industriais especiais do Centro Verde», preténdese ofertar dúas opcións ben diferenciadas, ás que poderán acollerse as empresas a cada unha delas por separado ou ben ás dúas de forma conxunta.
O réxime xurídico do servizo será o determinado pola lexislación sectorial de residuos aplicable, sen prexuízo da posibilidade de que a Deputación de Ourense poida establecer unha ordenanza reguladora daqueles aspectos de detalle que se consideren necesarios. Asemade, acórdase que o modo de xestión do servizo sexa a xestión indirecta, mediante contrato de xestión de servizo público previsto no Texto refundido da Lei de contratos do sector público.