O Plan Renove de Lousa 2016 ten previsto mobilizar 1,7 millóns en 125 proxectos

  • O Plan Renove de Lousa mobiliza preto de 8 millóns contribuíndo á dinamización do sector e á eficiencia enerxética das vivendas galegas
  • O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participa na presentación dunha nova edición dun programa que, desde a súa posta en marcha no 2012, ten impulsado 400 proxectos na Comunidade
  • Salienta que as actuacións diminúen o gasto enerxético nas construcións, co conseguinte aforro económico, ao tempo que se incrementa a demanda local dun produto con “excelentes propiedades”
  • A liña achega apoios do 40% do total subvencionable, coa novidade de facilitar a renovación de fachadas ademais das cubertas, na procura de impulsar 125 novas actuacións que mobilicen 1,7 millóns de euros e contribúan á xeración ou mantemento dun centenar de postos de traballo
  • Destaca que España é o principal produtor de lousa para cubertas a nivel mundial, con 500.000 toneladas anuais, achegando Galicia o 60% desta produción
    Explica que a Comunidade integra toda a cadea de valor da industria –desde a extracción á colocación- xerando preto de 12.500 postos de traballo entre emprego directo e indirecto
Presentación da nova convocatoria do Plan Renove de Lousa 2016  Autor: Conchi Paz

Presentación da nova convocatoria do Plan Renove de Lousa 2016
Autor: Conchi Paz

 

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participou onte na presentación da nova convocatoria do Plan Renove de Lousa 2016, activado un ano máis pola Consellería de Economía, Emprego e Industria na procura de seguir a desenvolver proxectos de renovación de cubertas e fachadas de edificios de vivendas con este material. Neste sentido, Bernardo Tahoces lembrou que a través deste Renove téñense impulsado 400 actuacións nos últimos 4 anos, que mobilizaron 8 millóns de euros contribuíndo á dinamización do sector e á eficiencia enerxética das vivendas galegas.

Para dar continuidade a estas cifras, explicou o director xeral, o Goberno galego ten activado unha nova convocatoria coa que aspira a mobilizar arredor de 1,7 millóns en 125 proxectos. Unhas obras, salientou, que contan como principal novidade a incorporación da renovación de fachadas, e que contribuirán ao incremento da demanda interna, supondo un impulso económico para os sectores auxiliares da lousa, ao tempo que facilitarán a creación ou mantemento dun centenar de empregos.

Estas actuacións, apuntou, diminuirán o gasto enerxético nas construcións, co conseguinte aforro económico, ao tempo que se incrementa a demanda local dun produto con “excelentes propiedades”.

O director xeral, que estivo acompañado polo xerente do Clúster da Pizarra, Severino González, e polo presidente da Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra, Miguel Ángel Fernández, sinalou que os apoios cobren o 40% do total do custo subvencionable do proxecto. Entre estes custos, dun máximo de 70 euros por metro cadrado de cuberta, inclúense, ademais dos materiais, o desmontaxe das cubertas existentes e de montaxe das novas, así como os proxectos de arquitectura ou enxeñería necesarios e os custos de licenza.
“Este programa supón un paso máis na aposta do Goberno galego polo sector da lousa, fomentando o uso dun material que conta cunhas características especiais que a converten nun elemento de gran calidade para o seu uso como material de cubrición, contribuíndo así á redución dos consumos enerxéticos”, apuntou Bernardo Tahoces.

Neste sentido, o director xeral lembrou que o Renove de Lousa se enmarca no Plan de Vivenda Eficiente que está a promover o Goberno galego a través de distintas liñas de axudas que suman preto de 8 millóns de euros en dous campos de actuación: a mellora das infraestruturas cara a construcións máis eficientes e o emprego de fontes de enerxía renovables.

O liderado galego
Deste xeito, o Renove de lousa incide no aforro e a eficiencia enerxética ao tempo que impulsa un produto no que Galicia ocupa unha posición de liderado. Así, explicou, España é o principal produtor de lousa para cubertas a nivel mundial, con 500.000 toneladas anuais, achegando Galicia o 60% desta produción.

“O sector da lousa en Galicia, integra toda a cadea de valor da industria –desde a extracción á colocación- xerando preto de 12.500 postos de traballo entre emprego directo e indirecto”, afondou Bernardo Tahoces. Por este motivo, sinalou, a Consellería, xunto a este programa, vén promovendo outro tipo de actuacións encamiñadas ao impulso da mellora competitiva e á innovación, incentivando e facilitando a investigación, colaborando co Clúster, e apoiando ao centro tecnolóxico da lousa no seu importante labor de I+D+i en materia de prevención de riscos laborais.

También te podría gustar...