O peregrino cen mil
- Santiago recibiu ao peregrino 100.000
- Foi recibido polo xerente do Xacobeo e polo deán da Catedral de Santiago, que lle entregaron a Compostela e un diploma conmemorativo
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e o deán da Catedral de Santiago de Compostela, Segundo Pérez, recibiron onte a tarde ao peregrino número 100.000, José Rodríguez. Este murciano rematou hoxe o Camiño de Santiago xunto co seu fillo, Miguel Ángel. Iniciaron a Ruta Xacobea en Barcelos, en Portugal, percorrendo a pé 190 quilómetros en 10 días polo Camiño Portugués.
O peregrino 100.000 recibiu varios recoñecementos conmemorativos da man do deán e do xerente do Xacobeo despois da misa que se celebrou ás 19.30 horas na Catedral de Santiago. Neste sentido, o xerente entregoulle un diploma acreditativo da súa condición de peregrino 100.000 e un libro. O deán, pola súa banda, outorgoulle unha edición especial da Compostela e outros agasallos.
O peregrino explicou emocionado que o importante foi poder realizar esta experiencia na compañía do seu fillo, ao cal non vira en case todo o ano por estar este estudando na Universidade de Lisboa. Foi este motivo o que os impulsou a escoller a ruta portuguesa para un encontro esperado e poder compartir uns días.
Récord de peregrinos
O xerente do Xacobeo aproveitou a ocasión para subliñar que neste ano se bateu un récord nos peregrinos que chegaron a Santiago xa que se recibiron preto de 8.000 peregrinos máis que no mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento de en torno ao 8%. Ademais, de todos os peregrinos chegados neste ano, o xerente fixo fincapé en que ao redor do 64% foron de orixe internacional.