O Outono Gastronómico, que tivo representación valdeorresa, premio ao mellor produto de turismo activo enogastronómico en FITUR
- O Outono Gastronómico recibe en Fitur o premio ao mellor produto de turismo activo na modalidade de enogastronomía
- O programa de Turismo de Galicia recibiu o galardón do concurso que anualmente convoca Fitur e a Revista Aire Libre para proxectar os produtos turísticos de maior calidade
- O éxito obtido en cada unha das edicións do Outono Gastronómico consolidou este programa como unha oferta contrastada e demandada tanto polo público como polas casas rurais de Galicia
- A campaña consegue cada ano dinamizar o turismo no eido rural desenvolvendo a oferta complementaria neste segmento e favorecendo a desestacionalización
- Participaron tres establecementos de Valdeorras, un da Rúa, Pacio do Sil, e dous da Veiga (en Xares, Árbores de Lenda, e en Valdín, Eido dás Estrelas)
O programa de Turismo de Galicia “Outono Gastronómico”, obtivo o premio na modalidade de Enograstronomía, no Concurso ao Mellor Produto de Turismo Activo que anualmente convoca Fitur e a Revista Aire Libre.
Estes premios teñen como finalidade potenciar o desenvolvemento e a comercialización da industria turística e proxectar os produtos turísticos de maior calidade.
Profesionais do turismo, medios de comunicación, representantes do sector turístico e lectores da revista Aire Libre, que compoñen o xurado do concurso, destacaron que, grazas a acertada combinación dos deliciosos pratos da gastronomía galega e a estancia en acolledoras casas rurais, o programa permite a prezos moi competitivos gozar da beleza do outono galego en todo o seu esplendor.
Este innovador produto turístico convida a gozar da gastronomía galega nos establecementos rurais que presentan menús elaborados exclusivamente para a ocasión cos mellores produtos da tempada.
O programa, que celebrou xa o pasado outono a súa novena edición, conta cada ano coa participación de preto de cen establecementos galegos repartidos polas catros provincias da Comunidade.
O éxito obtido en cada unha das edicións celebradas consolida este programa como unha oferta contrastada e demandada tanto polo público como polas casas rurais de Galicia. Na suma das nove campañas superáronse os 50.000 participantes.
A campaña consegue, así, cada ano dinamizar o turismo no eido rural na estación do outono, desenvolvendo a oferta complementaria neste segmento e favorecendo a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais de Galicia.