O operativo de vialidade invernal traballa nas medidas preventivas para o mantemento das condicións de circulación dos 5.500 quilómetros da rede autonómica de estradas
O operativo de vialidade invernal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas traballa nas medidas preventivas para o mantemento das condicións de circulación dos 5.500 quilómetros da rede autonómica de estradas.
O Plan de Vialidade Invernal 2014-2015, que implica un investimento de máis de 3 millóns de euros e que conta con 500 operativos, contempla medidas e actuacións divididas en dous grupos: as preventivas, que permiten anticiparse aos posibles problemas que poidan xurdir; e as paliativas, que garanten a vialidade e intentan incrementar a seguridade nas estradas en condicións adversas.
Os traballos desenvólvense desde 27 centros operativos, utilizando 61 puntos de acopio de fundentes repartidos ao longo da comunidade e 70 vehículos (camións quitaneves, retroescavadoras, cos elementos de estendido e retirada de neve ou xeo necesarios). Nestas tarefas participa un equipo de preto de 500 persoas, entre técnicos e persoal de estradas.
Respecto ao tipo de fundentes a usar, o principal é o sal, que se emprega cando as temperaturas son superiores a -5ºC; tamén se utiliza, cando as estradas están secas, a salmoira (solución de sal e auga). A reserva inicial nos puntos de acopio achégase ás 5.000 toneladas de fundentes para esta tempada, que poden chegar a 9.000 en función das condicións meteorolóxicas. Para temperaturas inferiores a -5ºC é máis recomendable empregar mesturas de cloruro sódico con cloruro cálcico, ou soamente cloruro cálcico.
Información permanente
A Consellería de Medio Ambiente recomenda aos usuarios que realicen algún desplazamento a informarse da situación das estradas a través dos medios habituais (en internet, navegando a través das páxinas web da DGT para coñecer a situación do tráfico (www.dgt.es) e consultando as condicións meteorolóxicas no portal de MeteoGalicia (www.meteogalicia.es) e da Axencia estatal de meteoroloxía (www.aemet.es)).