O Observatorio Económico Ourensán constata que 57 concellos xeraron emprego neto no último ano

1 1 1 1 1 1 1 MB e OBS

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» o 6º informe do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta que a institución provincial desenvolve para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación económica da provincia ourensá nas súas comarcas. O Observatorio nace da implicación das institucións (Deputación e Inorde), a universidade e o ámbito empresarial, e na súa elaboración intervén un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados, coordinados polo profesor Andrés Mazaira.

Este sexto informe do Observatorio constata que nove comarcas e 57 concellos xeraron emprego neto no último ano, e que a provincia de Ourense impulsa e asenta emprego a un ritmo anual do 1,2 %, tendo un 10 % menos de paro xuvenil que ao inicio da crise.

Manuel Baltar destacou que o Observatorio «é unha ferramenta relacionada coa planificación, o compromiso e a responsabilidade, tres actitudes obrigadas na xestión pública». O presidente do goberno provincial subliñou que no ámbito demográfico, unha das novidades do Observatorio, «temos que ser áxiles e constantes, pois estamos nun punto de inflexión no que a demografía ten que marcar a dirección das políticas locais, provinciais e estatais».

Tamén destacou Manuel Baltar neste intre, no que as 92 corporacións municipais e a Deputación de Ourense están a perfilar a folla de ruta de catro anos decisivos para construír a provincia dos novos retos e a provincia da nova velocidade, «o Observatorio Económico pretende ser unha guía para o deseño e un referente para a toma de decisións. Os datos e a súa interpretación teñen en non poucas ocasións a chave mestra para marcar os tempos na política e na xestión das administracións», e remarcou que no tocante á Deputación, «en canto remate o proceso de constitución xa estará lista para a súa aprobación a estratexia de desenvolvemento urbano sostible, é dicir, o maior garante de futuro para o conxunto da provincia, onde quedarán recollidas as liñas de acción de catro proxectos xurdidos do Ourense máis creativo, do Ourense máis innovador, do Ourense máis imaxinativo e do Ourense máis orixinal. Estas catro propostas de acción son o Plan Ourense Provincia Termal; o Plan de Competitividade das Pemes; o dobre proxecto de Provincia Intelixente e Administración Electrónica; e a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, coa que volveremos ser pioneiros en España».

Referíndose ás novidades deste sexto informe do Observatorio, Manuel Baltar falou de paro xuvenil e de demografía, destacando no primeiro caso «que queda debuxado o mapa actual do paro na franxa de idade dos que aínda non cumpriron os 25 anos, e os movementos causados pola crise neste grupo de traballadores de alta vulnerabilidade. Como sempre, o Observatorio desagrega toda a información ata os niveis comarcal e municipal». Así, constata o Observatorio que a provincia de Ourense ten un 10% menos de paro xuvenil que ao inicio da crise, grazas á boa evolución do último ano, que se saldou cunha caída do 13% froito de reducións en dez das doce comarcas e en 67 concellos.

Sobre a demografía, Baltar afirma: «A evolución demográfica non é un problema máis, senón o mal máis invasivo para o que xa non serven os tratamentos de sempre. Chegou o momento de actuar de raíz. Cada actualización dos datos de poboación é un toque de aviso. Cada perda de habitantes é un sinal de debilitamento. E cada casa que pecha é un baleiro irreparable. Resulta un grave erro ligar exclusivamente o despoboamento á economía. Hai moito máis en xogo».

Neste senso, Manuel Baltar dixo que están afectados por igual a biodiversidade, a natureza, a paisaxe, a cultura, as tradicións, a conservación do patrimonio, a historia, a educación e, por suposto, a sociedade no seu conxunto. «Coa súa análise demográfica, o Observatorio Económico Ourensán vai contribuír a que a planificación, as medidas de choque e os incentivos apunten na dirección de cada pobo, de cada concello e de cada comarca. É dicir, vai contribuír a que non esquezamos o problema e a que non aparquemos as solucións».

Sobre as conclusións do informe, Baltar sinala: «A rexeneración laboral da que xa levamos a falar durante un ano na provincia de Ourense estase a consolidar e, nalgúns indicadores como o de xeración de emprego neto, está a medrar e a intensificarse». «Entre os rexistros que nunca antes se deran en toda a serie histórica da crise –engade- cabe destacar o do número de concellos, 57, nos que xa é un feito a creación de emprego neto. E desde o enfoque comarcal, no último ano esta provincia pasou de contar con dúas únicas comarcas tirando da recuperación laboral a facelo agora con nove».

Pero ademais resulta que nas tres comarcas que perden afiliados en taxa interanual -O Ribeiro, Viana e Verín-, os descensos prodúcense por un marxe moi estreito. Nos tres casos son inferiores ao 1%, o que na práctica significa que están a piques de sumarse aos xeradores de emprego e, polo tanto, a estender a rexeneración laboral ao conxunto da provincia.

O presidente provincia afirma que neste intre, «a provincia de Ourense impulsa e asenta emprego neto a un ritmo anual de practicamente o 1,2%. A consecuencia directa é que ven de neutralizar dous anos completos da crise, xa que a cifra actual de afiliacións (96.500) é a mesma que había en maio de 2013. Dito doutro xeito, o último bienio da crise xa é historia. Estamos nun dos puntos máis álxidos da remontada e as expectativas seguen a mellorar».

Baltar dixo que vivimos e construímos «unha provincia que fai virtude das carencias, e un espazo que fai colleita co que noutros lugares chaman potencialidades», engadindo que o paro a doce meses cae en 82 dos 92 concellos da provincia, e que en 52 a redución anual sobrepasa o 10%. «Outro dato importante é que en 14 municipios, cifra nunca vista, non hai agora mesmo factura laboral da crise desde o punto de vista do paro rexistrado. Isto significa que contabilizan menos parados que no ano 2008. A marca anterior estaba en 10 concellos nesa circunstancia, fito que aconteceu a finais do ano pasado», explica o presidente.

Manuel Baltar rematou afirmando que cremos en Ourense, «a razón para moitos de estarmos en política e o noso compromiso de seguir avanzando. Por iso comezaremos este novo cuatrienio político cun importante documento por materializar: o Plan Ourense 15-19», documento no que afirma no seu limiar: «Temos unha obriga para con esta terra facela máis nosa e mais forte, con orgullo de seu».