O Miño «auto-identifícanos como ourensáns e como galegos», Baltar
- A Deputación de Ourense presenta un libro sobre os aspectos históricos, etnográficos e económicos do río Miño
A Deputación de Ourense presentou hoxe o libro Pai Miño. O río de ríos de Galicia, de Xerardo Neira, e que edita Xurdir Edicións, unha obra que centra o seu estudo no Río Miño. O acto tivo lugar esta mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; co fotógrafo Enrique Neira, co-autor da publicación, e coa editora de Xurdir Edicións, Carmen Vázquez.
Manuel Baltar destacou que este libro, «dedicado ao río de ríos, igual que a Deputación soe definir como o «concello dos concellos», é unha homenaxe a un referente non só xeográfico senón sentimental, e que nos auto-identifica non só como ourensáns senón tamén como galegos», e engadiu: «O Miño é ese río galego por excelencia, que figura no escudo de Ourense, con ese azul da nosa bandeira, e que tamén é ese río que se di que é contraposto na bandeira de Galicia». O presidente do goberno provincial destacou a importancia do Miño como «un auténtico símbolo, é unha realidade que neste libro se estuda dende todos os aspectos posibles e que ven a completar e, sobre todo, a poñer en valor, un dos nosos referentes».
Asemade, Manuel Baltar sinalou a actual relación que este río ten co deporte pois «é un río que nestes últimos tempos, dende a Deputación e a propósito do Plan Termal, onde tamén contamos coa colaboración e coordinación da CHMS, estamos poñendo en valor unha vertente do termalismo, a deportiva, pois é un río no que están adestrando os equipos internacionais máis importantes de remo». O presidente do ente provincial recuperou unhas das frases recollidas na canción Ourense ao lonxe «o río Miño non sería río Miño se non fora por Ourense», para dar mostra da importante relación que ten coa cidade e coa provincia.
O libro, do que é autor Xerardo Neira, supuxo unha importante labor «de busca dos datos máis actualizados sobre o río Miño», asegurou Enrique Neira, autor das fotografías xunto a Iván Garmén, ao longo dun percorrido de máis de 300 quilómetros.
O traballo, que estuda non só o río senón tamén a súa conca hidrográfica, estrutúrase en tres partes: unha primeira, centrada no ámbito xeográfico do río e as súas características; a segunda, que fala da interacción humana co río o seu aproveitamento económico e paisaxístico, das festas e a gastronomía; e por último, unha parte centrada en cada un dos municipios que baña o río, onde non só se fala da súa relación con este, senón tamén que se fai unha análise dos monumentos e dos lugares de interese de cada un deles, «de forma que o libro poida servir tamén de ferramenta de promoción do turismo», explicou a editora Carmen Vázquez.