O maltrato e o sometemento a malas condicións hixiénicas serán infracción grave
- O maltrato e o sometemento a malas condicións hixiénicas serán considerados infracción grave na nova Lei de protección de animais
- A directora xeral de Conservación da Natureza reúnese con representantes co colectivo animal Libera, aos que lles reitera que tamén se considerará unha infracción grave someter aos animais a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables
- Salienta que o texto, na actualidade en información pública, incorpora como prohibición expresa determinadas mutilacións nos animais que se realizan en ocasións co fin de manter unhas características dun tipo racial ou estéticas
A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz López, reiterou onte aos representantes do colectivo animal Libera que o maltrato animal será unha infracción grave, non só na súa representación como violencia, senón tamén por someter aos animais a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables.
Ana María Díaz trasladou que esta é unha das principais novidades do anteproxecto de Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta e que na actualidade se atopa en fase de información pública, co fin de que a sociedade presente as súas alegacións e comentarios co fin de conseguir unha norma feita polo conxunto da sociedade.
Indicou que tamén prohibe o emprego de todo tipo de trebellos destinados a impedir ou limitar a mobilidade dun animal que lles produza danos ou sufrimentos ou lle impida manter a súa posición normal, ou someter aos animais a condicións hixiénicas e sanitarias moi cuestionables, o seu emprego en espectáculos prohibidos ou noutros nos que non é posible garantir o cumprimento dunhas condicións mínimas de benestar, como ocorre nos espectáculos circenses, especialmente no caso de determinadas especies.
Así, unha das novidades no réxime sancionador é que se estende a responsabilidade non só aos organizadores, senón tamén aos que participen ou colaboren dalgunha maneira nestes espectáculos; polo que se establecen os mecanismos necesarios de prevención, loita e sanción.
Recordou que o texto normativo, sometido a información pública, estrutúrase en 49 artigos, divididos en 9 títulos, 6 disposicións adicionais, 2 transitorias, 1 derrogatoria e 2 disposicións finais. Unha división no texto, cunha modificacións na estruturación, que perseguen unha organización máis sinxela e nítida das distintas materias a regular e definido claramente conceptos, como: animais de compañía, animais domésticos, animais de produción, animais potencialmente perigosos ou animais silvestres, entre outro.
Non obstante, aclarou que esta normativa non será de aplicación aos animais destinados ao aproveitamento produtivo, aos pertencentes á familia dos équidos domésticos, aos empregados en calquera espectáculo taurino, aos animais silvestres no medio natural e aos empregados para experimentación.
A directora de Conservación sinalou que se ben o importe das sancións non variaron con respecto á lei anterior, o que muda é a tipificación da infracción, xa que se antes o maltrato animal estaba considerado como leve, agora considerase como unha infracción grave con multas de ata 5.000 euros.
Tamén se incorporan como infracción novas accións ou omisións que non estaban recollidas na Lei 1/1993, do 13 de abril, sobre a venda ambulante, mutilación de animais, a non identificación dos animais.
A modo de exemplo, explicou que a exhibición dos animais nos escaparates ou a modo de reclamo comercial, que se considerará unha infracción leve; mentres que nas moi graves clasifícase o maltrato aos animais que lles cause a morte ou lles provoque lesións ou danos irreversibles.