O libro ‘Ourense, galeguidade e excelencia na obra de Camilo José Cela’ pretende espallar a obra deste galego universal por toda a provincia
- Xosé Carlos Caneiro analiza nun libro os lazos que unen a Camilo José Cela con Ourense
- A publicación, editada pola Deputación de Ourense, foi presentada onte polo escritor e polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar
- O libro, titulado Ourense, galeguidade e excelencia na obra de Camilo José Cela, ten como obxectivo achegar a obra de Cela a institutos e universidades no centenario do nacemento do autor
A Deputación de Ourense vén de editar un libro que evoca a figura de Camilo José Cela no centenario do seu nacemento. Baixo o título Ourense, galeguidade e excelencia na obra de Camilo José Cela, o autor, Xosé Carlos Caneiro, pretende espallar a obra deste galego universal que foi Cela por toda a provincia de Ourense. Así o informaron onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» na presentación desta publicación o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o escritor.
Baltar dixo que esta publicación «lembra a figura dun dos grandes da literatura universal e do que neste ano se cumpren 100 anos do seu nacemento, Camilo José Cela, un referente indubidable da ourensanía».
O libro, baseado na obra Mazurca para dos muertos, de Camilo José Cela, é «unha das obras máis importantes deste autor, a cal está ambientada en Ourense e non só iso, senón que está emocionalmente escrita en clave de Ourense», salientou Manuel Baltar. «A homenaxe a un escritor faise lendo os seus libros, e iso é o que pretendemos divulgando esta publicación entre os centros de ensino secundario e a universidade para que a xente nova coñeza a obra e a figura de Cela e o que representou para as letras mundiais este autor», destacou o presidente do goberno provincial.
Xosé Carlos Caneiro sinalou que esta obra «cumpre todas as expectativas que tiña ao ser unha obra que se puidese ler e que motivase aos lectores e aos profesores a estudar a obra de Cela na nosa provincia». O título da obra resume as intencións deste proxecto: «unir a obra de Camilo José Cela, en especial Mazurca para dos muertos, coa provincia de Ourense; a galeguidade, que eu considero rotunda en Cela; e significar a excelencia da súa obra a través dun estudo que realicei principalmente da súa novelística. Aparece tamén no libro algún dos artigos que publiquei en «La Voz de Galicia» onde escribo desde hai máis de 30 anos», explicou o autor da publicación.
«O proxecto pretende unir no centenario de Cela a excelencia da provincia de Ourense coa excelencia da súa obra literaria. Utilizo principalmente Mazurca para dos muertos, como nexo entre Cela e a provincia porque esta novela desenvólvese principalmente en Ourense, era a novela do rural galego segundo Camilo José Cela, e é para min a novela que máis medrou de toda a súa bibliografía. O triángulo fundamental da súa obra esta formado por esta obra xunto con La familia de Pascual Duarte e La Colmena, asegurou Xosé Carlos Caneiro.
A publicación, xunto con tres conferencias que se desenvolverán en distintos puntos da provincia de Ourense, pecharán os actos de homenaxe que a Deputación de Ourense organiza no centenario do nacemento deste galego universal «espallando pola provincia a súa obra», dixo o autor do libro.