O labor do exilio e a emigración segundo Florencio Delgado Gurriarán
- Por Mª Elva Delgado Vázquez
Un dos motivos polos que a Real Academia Galega escolleu homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán co Día das Letras Galegas de 2022 foi o seu labor no exilio mexicano.
Para coñecer da man de Florencio o papel dos galegos e galegas na emigración e no exilio americano, imos analizar brevemente a conferencia que, co título “ Galicia y las Américas” ,pronunciou o autor de Córgomo o 6 de decembro do ano 1977 no Centro de la Amistad Internacional de Guadalajara en Jalisco, México, que aparece recollida no Caderno 4 do Instituto de Estudios Valdeorreses do ano 1984.
Comenza Florencio facendo referencia a que as relacións entre Galicia e América son anteriores a Colón, remontándose probablemente á Prehistoria. Salienta que en terras galegas foi onde se tivo a primeira noticia da existencia do Novo Mundo, xa que foi nunha praia galega de Baiona (Pontevedra) onde atracou a carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón ó seu regreso do Descubrimento de América , o 1 de marzo de 1493.
Aparecera, segundo Florencio, un mundo virxe , cheo de froitas exquisitas e de nativos que vivían en paradisíaca nudez, que se abría á aventura dos europeos, encabezados por españois e portugueses.
Considera o poeta valdeorrés que quizais por eses e outros feitos os galegos e galegas sentiron e obedeceron a chamada das Américas, cheos de soños, lirismos e saudades, con tenaz espíritu de traballo e con afán de regresar á súa terra natal.
Os galegos non producimos moitos conquistadores, pero sí moitos bravos capitáns . Con todo, Florencio recoñece que sí hai algún descubridor galego , por exemplo o pontevedrés por línea paterna Pedro Sarmiento de Gamboa, escritor e navegante, quen fundou nas ribeiras do Estreito de Magallaes os poblados de Nombre de Dios e Don Felipe, ademais de descubrir polos mares do sur as islas Nombre de Jesús e Sta Isabel.
Sebastián de Ocampo, marino galego, foi un dos primeiros poboadores de “La Española” , illa do Caribe ( illa do mar Caribe que acolle a dous estados soberanos, A República Dominicana e Haití ). Segundo Florencio, este marino, por encargo do gobernador Ovando, recoñeceu no 1508 as terras cubanas, descubrindo a súa insularidade. Os irmáns pontevedreses Bartolomé e Gonzalo Nodales distinguíronse na exploración da costa Patagónica (anos 1618-1619). En 1775 Don Francisco Mourelle de La Rúa ( Corme, A Coruña 1750 –Cádiz 1820), saíu do porto de San Blas, sito en Nayarit, México, na súa goleta “Sonora” , con ordes de recoñecer as Costas de California hacia o norte e chegou, entre duras tempestades, ata o paralelo 58, divisando os perfíes dos fiordos de Alaska.
Tamén destaca Florencio que ademáis dos descubridores, é galega en gran parte, a proxenie dos poboadores das dúas Américas, algúns deles pais de crioulos libertadores e revolucionarios, desde Bolívar. Nesa época foi cando máis brillaron os apelidos de descendientes de familias chegadas alí cen anos antes, por ex. Saavedra, Rivadavia, Balcarce, Sarmiento, Quiroga, Taboada, Andrade , Fragueiro …
Afirma Florencio na conferencia que non era o propósito desta aplaudir ou censurar a emigración, eterna sangría de Galicia e de moitos países. Él, e outros “emigrados” pola razón que fose, recoñecen o problema e doeulles, aínda que a peregrinación galega contribuiu a poboar as nobles terras americanas nas que vivían a metade dos aprox. 5 millóns de galegos que hai no mundo no ano 1977. Florencio fala da atracción que as américas exercen sobre os galegos e galegas e tamén “ as modestas aportacións deles á vida e progreso deste inmenso continente.”
Tras o descubrimento, Galicia deixou de ser Finisterrae e os seus fillos, sinala Florencio, sen medo seguiron a ruta do sol e cara a ese mar empezaron a engrosar o caudaloso río da emigración europea, pasaron a poboar as Américas, uns por causas económicas, pero tamén animados outros polo seu espíritu aventureiro, pola inquietude das súas almas.
Chegado este momento, Florencio fai referencia a Castelao na súa obra “Sempre en Galicia”. Castelao, figura cume da Galicia Contemporánea, escribía isto no ano 1940, camiño de Bós Aires:
“ Cremos que a emigración galega non se axustou cabalmente ás interpretacións materialistas, aínda que as necesidades económicas nos empuxasen sempre a buscar terras de mellor vivir…. “
“ Falemos cos galegos emigrantes e enseguida nos daremos conta de que, co pretexto das necesidades materiais saíron moitos de eles para cumprir os destinos da nosa saudosa raza, viaxeira e ao mesmo tempo enraizada no solo nativo. “
Concentrada principalmente no “Cono Sur” a emigración galega espallouse ó chou por todas as Américas, desde Alaska á Patagonia.
Sobre os galegos en Arxentina , Florencio destaca o labor do Centro Galego fundado no ano 1907 e que conta en 1977 con cen mil socios ós que serve na súa misión mutualista. Tamén é moi notable a súa labor cultural e social : gran biblioteca, publicacións periódicas, edicións de libros, exposicións, certames literarios, etc. Entre as obras editadas polo Centro destacan, o fermoso libro de arte de Castelao “ As Cruces de Pedra na Galiza”, “Sempre en Galiza” e unha “Hª de Galicia “ en varios tomos que aínda estaba en publicación.
No ano 1956 celebrouse en Bos Aires o Primeiro Congreso da Emigración Galega.
Na pequena República Uruguaia o seu Centro Galego, que data de 1879, e a Casa de Galicia de Montevideo, cumpren á perfección as súas misións sociais de beneficencia e cultura.
No Brasil a idiomática simbiose galaico-portuguesa- brasileira fixo posible que una persoa galega poida dialogar con persoas de lugares nos que se fale algunha desas linguas.
En Cuba, patria adoptiva de moitos galegos e galegas, máis de sesenta publicacións periódicas dan testemuño das actividades intelectuais dos galegos “ cubanos”. Por citar algún exemplo : o día 1 de abril de 1844 saíu “Diario de la Marina” fundado polo periodista galego Isidro Araújo coa cooperación do catalán Ramón Pintó.
O gran poeta galego Curros Enríquez, fundou en 1894 o semanario “La Tierra Gallega”; O ano de 1907 o galego Adelardo Novo fundou “ El Diario Español “. No idioma galego publicáronse moitas revistas; lanzouse a idea da Academia Galega; foi un tipógrafo ferrolán emigrado, José Fontela Leal, quen coa axuda de Curros Enríquez, entre outros, constituiu na Habana a “Asociación iniciadora y protectora de la Academia Gallega”. Corría o ano 1905, a Cuba foron e crearon moitos galegos ilustres: Ramón Cabanillas que naquelas terras publicou dous libros “ No Desterro” e “Vento Mareiro”. Na Habana tamén creou José Neira Vilas, (Gres,Vila de Cruces, Pontevedra ,1928- Gres 2015), autor de” Xente no rodicio”, “Historias de Emigrantes “ e “Memorias dun Neno Labrego”.Da importancia da emigración en Cuba dá conta o feito de que O Centro galego da Habana, fundado en 1879, contaba antes do ano 1959 con cincuenta mil asociados, cunha biblioteca de máis de 6.500 volúmenes , unha Academia de Belas Artes, unha de Música, e o equipo de ensino que levaba o nome da penalista galega, Concepción Arenal , e coa Casa de Saúde “La Benéfica” . Entre os moitos galegos que fixeron fortuna en Cuba, cita Florencio o caso de D.José García Barbón , gran benefactor de Vigo.
Se nos imos a Venezuela, cítase o labor dos galegos : Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro, e tamén o mellor narrador español daqueles anos Camilo José Cela ( Iria Flavia 1916- Madrid 2002).
Chegados ó punto de valorar o labor da emigración en México, Florencio, dunha maneira humilde, sinala que a pegada galega en México non foi tan importante como nas repúblicas pratenses, en Cuba ou en Brasil. Os galegos da cidade de México crearon no ano 1948 o Centro galego de dita cidade, que pretende vincular a tódolos españois, especialmente ós orixinarios de Galicia e os seus fillos residentes na República mexicana; conservar e difundir as tradicións galaicas e estreitar os lazos espirituais entre España e México. Nos primeiros anos da década dos coarenta e seguintes, o grupo galeguista SAUDADE publicou a revista do mesmo nome. En 1953, os galegos da emigración republicana fundaron o PADROADO DA CULTURA GALEGA; o seu nome explica a misión que levou airosamente e que plasmou nunha gran Revista, VIEIROS. Pero antes, outra interesante institución cultural foi o Ateneo de Galicia en México, presidido polo doctor en letras D. Amancio Bolaño e Ysla.
En México morreu, ós 63 anos,o pintor Arturo Souto: figuras e paisaxes, do campo e urbanos, ceos opacos.. . Outro Souto, é o escultor Uxío Souto, quen plasma na capital da república mexicana fermosas esculturas de indias.O cineasta Carlos Velo Cobelas levou en México á pantalla , premiadas películas como “Torero” ou “Pedro Páramo”. Tamén viviu en México Salvador de Madariaga, unha das máis prestixiosas figuras das letras españolas contemporáneas. Na súa capital deu cátedra de literatura alá polo ano 1931. Escribiu novelas como “El corazón de Piedraverde”, “ Satanael” ; Biografías de “Cristóbal Colón”, “ Hernán Cortés “ e “ Bolívar “ e obras históricas como “ Cuadro Histórico de las Indias”.
Os galegos que chegaron coa emigración republicana española á acolledora patria mexicana, e que aquí crearon ou refixeron o seu fogar, e que aquí xacen en parte, fixeron compatible – sinala Florencio- a súa loita polo pan cotián, cun modesto pero interesante labor cultural, plasmado en conferencias recopiladas no libro “Presencia de Galicia en México”, as revistas antes citadas e en “ Loita” que facía honor o seu nome. Todas elas se publicaron en lingua galega e contaron coas colaboracións de prestixiosas figuras de Galicia e do exilio, e, en “Saudade”, coas de don Rafael Cardona, príncipe dos poetas costarricenses e a do polígrafo mexicano don Alfonso Reyes.
Para acabar a lista de galegos que pasaron por México, Florencio sinala nesta conferencia a un ilustre galego amante de México: D. Ramón María del Valle Inclán quen, segundo Florencio – citando a Ramón Gómez de la Serna -, é o prototipo de escritor digno, dedicado como quen non fai a cousa, a captación da palabra de arte que ha de compracer á humanidade.
Don Ramón fixo dúas viaxes á República Mexicana. O primeiro no ano 1892 nos comenzos da súa carreira literaria. Volveu a México no ano 1921 invitado por Don Alfonso Reyes, por encargo do Goberno de Obregón, para as Festas do Centenario da Independencia.
Florencio Delgado Gurriarán, acababa a conferencia con estes versos:
FINIS
“Se apagó el fuego de mi cachimba,
y no consigo ver una letra.
Mientras enciendo-taramba y timba,
Tumba y taramba-pongo una &. “
“Gracias por vuestra benévola atención.”
Neste ano 2022 dedicado a homenaxear a obra e o labor no exilio mexicano do poeta de Córgomo, quixemos recordar da súa man –porque nos pareceu interesante- a grande aportación á nosa cultura da emigración e o exilio americano.