O inorde promove co proxecto PROMERCADO a valorización dos produtos endóxenos de Ourense
O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), organismo dependente da Deputación de Ourense, presentou hoxe as conclusións do estudo do proxecto PROMERCADO, unha iniciativa que ten como obxectivo desenvolver accións que permitan impulsar a produción e comercialización dos produtos endóxenos da provincia dende o punto de vista empresarial, de análise de mercado e de cooperación intersectorial. A presentación tivo lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e contou coa participación do presidente do Inorde e da Deputación, Manuel Baltar; do profesor da Universidade de Vigo, Andrés Mazaira; do consultor Manuel López, e do xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.
Manuel Baltar dixo que con este proxecto «Ourense busca futuro nas súas raíces e convértese nunha gran despensa onde os nosos produtos son un sinal de identidade nun sector –o agroalimentario- que é piar básico de desenvolvemento da nosa provincia». Tamén lembrou Baltar que a institución provincial está a traballar para facer realidade o que será o primeiro polígono empresarial relacionado con este sector, «o que permitirá sen dúbidas potenciar nos mercados interno e internacional ás nosas empresas agroalimentarias coa comercialización dos produtos endóxenos da provincia de Ourense».
Castañas, cogumelos, oliveiras, mel, froitos secos e pequenos froitos ademais da horticultura e doutros produtos tradicionais son os produtos que este proxecto pon en valor, apoiando ao sector primario e a agroalimentación da provincia de Ourense, produtos de gran calidade aos que esta iniciativa pretende impulsar para que traspasen o mercado local e mesmo autonómico, e tamén para preservar os recursos endóxenos das zonas rurais e fomentar o emprego e o mantemento do sistema produtivo nas economías locais.
As accións levadas a cabo no marco do proxecto PROMERCADO –cofinanciado pola Unión Europea e a Deputación de Ourense- permitiron, segundo explicaron os coordinadores do estudo, reforzar a imaxe dunha gran variedade de recursos e produtos locais, exaltando as súas calidade e contribuíndo a mellorar as súas posibilidade de comercialización e distribución en todos os mercados.
«Fixar poboación no ámbito rural, protexer o medio ambiente e preservar o futuro dos territorios penalizados polo desequilibro» son tamén obxectivos, segundo Manuel Baltar, do proxecto PROMERCADO, que une o perfil produtivo coa estrutura das economías locais da provincia de Ourense.
Neste senso, Andrés Mazaira subliñou que un dos elementos destacados nos que se baseou o estudo foi nos datos comarcais que achega o Observatorio Económico Ourensán, «que nos permitiu coñecer o posicionamento do mercado e analizar as tendencias do sector agroalimentario, para, a partires de aí, construír liñas de actuación nos ámbitos da formación, a comercialización, a produción e o negocio».
Os principais obxectivos que se marcou o proxecto para levar a cabo son, por unha banda, traballar en estratexias que permitan o desenvolvemento comercial dos produtos endóxenos de Ourense e definir accións para cada tipoloxía de mercado e competencia. Tamén se pretende investigar sobre os elementos de innovación necesarios para o sector, analizar as tendencias para abrir novos mercados, e elaborar unha guía para redefinir modelos de negocio e un plan de formación.
Os retos que se marca o proxecto refírense á necesidade de reposicionar o sector como sinal de identidade, captar novo talento e aproveitar o existente, nunha clara aposta polo coñecemento; buscar o reequilibrio da cadea de valor, concentrando esforzos nas actividades que aportan maior valor; incrementar a produtividade da actividade primaria do sector; a orientación cara o consumidor final, crear espazos de colaboración intersectorial e lanzar ao mercado novos produtos, máis acorde cos hábitos e preferencias dos novos consumidores.