O INGACAL e FEUGA ofrecerán alternativas para a mellora da situación do sector vitícola nun encontro en Santiago
O Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL) –xefe de fila do proxecto WINETech PLUS- e a Fundación Empresa-Universitaria Gallega (FEUGA) ofrecerán alternativas para a mellora da situación do sector vitícola de Galicia. Será nun encontro que se celebrará no Edificio FEUGA do Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela os días 24 e 25 de marzo, baixo o nome “Seminario WINETech PLUS: nuevos caminos para la viticultura y la enología”.
No encontro farase unha reflexión sobre a situación actual do sector e sobre as alternativas de futuro. Tamén se darán a coñecer os resultados obtidos co proxecto WINETech PLUS, no que se enmarca o seminario. Este seminario realízase co obxecto de informar sobre as experiencias desenvolvidas noutras rexións vitivinícolas, presentar liñas de traballo con potencial para a súa aplicación en Galicia, facilitar o contacto con entidades de apoio ao sector e xerar unha reflexión sobre a situación do sector a nivel rexional e europeo.
Está dirixido a adegas, viticultores, centros de investigación e centros tecnolóxicos e a outras entidades, organizacións e persoas interesadas na materia. Os interesados en anotarse deberán facelo antes do xoves 19 de marzo, enviando o boletín de inscrición que se atopará na páxina do proxecto á dirección winetech@winetech-sudoe.eu ou ao Fax 981 524 454.
Desenvolvemento do seminario
O martes 24 de marzo deselvolveranse diversos relatorios nos que se abordarán as posibilidades das variedades de uva híbrida fronte ás enfermidades e a importancia de conservar e potenciar as variedades minoritarias. O mércores 25 presentaranse iniciativas de apoio ao sector e haberá mesas de debate sobre as necesidades de innovación e crecemento.
Proxecto WINE- Tech PLUS
Este encontro realízase ao abeiro do proxecto WINETech PLUS, un Proxecto Europeo de Cooperación Transnacional no Espacio Sudoeste (SUDOE) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER). A rexión SUDOE representa preto do 25% da superficie de viñedo europeo e está formada por Galicia, A Rioxa, Castela e León e Castela A Mancha, en España; Alentejo e Región Norte, en Portugal; e Languedoc-Roussillón, Midi-Pyrénées e Aguitaine, en Francia.
Este proxecto constitúe unha ferramenta para a transferencia de coñecemento científico tecnolóxico e actúa como dinamizador da capacidade innovadora das empresas do sector vitivinícola na rexión SUDOE.