O Inega lembra a importancia da adopción de medidas de eficiencia enerxética de cara á chegada do outono

Inega

 

O consumo de electricidade das familias galegas tense incrementado na última década ata supor o 30% do total autonómico, unha cifra que implica un gasto medio anual en enerxía de 2.600 euros, distribuídos maioritariamente no consumo de calefacción e vehículos. Por este motivo, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), traballa na concienciación da cidadanía sobre a importancia do aforro e da eficiencia enerxética, un campo que pode representar aforros de ata un 35% do consumo familiar con medidas que non supoñen ningún custo.

Así, a chegada do outono implica, dun lado, o tradicional cambio de hora que terá lugar a madrugada deste sábado –ás 03.00 horas serán as 02.00 horas-, e, doutro, un cambio climatolóxico que se traduce na baixada das temperaturas e na diminución das horas de luz natural, o que representa un maior consumo en calefacción e iluminación.

A modificación horaria supón un aforro potencial de enerxía en iluminación estimado no 1% para o sector doméstico, e do 3% para o sector servizos, o que leva aparellada unha diminución total no consumo eléctrico de Galicia próximo ao 0,4%. Deste xeito, o aforro motivado por este cambio repercutirá, sobre todo, no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción se mantén de forma constante, con independencia do horario.

Para acadar ditas cifras é necesario facer un uso racional da enerxía, en concreto da iluminación. Así, a Guía práctica de aforro de enerxía elaborada polo Inega e dispoñible na súa web –http://inega.es/publicacions/guias/- sinala a importancia da adopción de hábitos básicos como aproveitar en maior medida a iluminación natural ou potenciar a utilización de tecnoloxía eficiente mediante o uso de detectores de presenza, fotocélulas e outros mecanismos de regulación e control.

Así mesmo, un correcto uso da calefacción pode supor aforros anuais de ata 350 euros de media. Para logralo, unha temperatura entre 19 e 21 graos centígrados resulta suficiente para manter a confortabilidade nunha vivenda durante o día, recomendándose apagala durante a noite xa que entón chega con que a temperatura oscile entre os 15 e os 17 graos. Neste sentido, por cada grao que se aumente a temperatura increméntase o consumo de enerxía nun 7%, o que supón un custo anual duns 45 euros.

Outra medida sen custo é a optimización dos tempos de ventilación: dez minutos coas xanelas abertas resultan suficientes para renovar o aire dunha habitación. Ademais deben evitarse tanto as filtracións de aire como o recubrimento dos radiadores con roupa que dificulta a transmisión da calor.

Este tipo de medidas relacionados cos cambios climatolóxicos son compatibles con outras actuacións que se poden realizar durante todo o ano e que se atopan tamén nesta Guía práctica. Así, unha condución eficiente permite aforros de entre un 15% e un 20% no consumo anual do vehículo que ascende, de media, aos 1.300 euros; a substitución dunha lámpada incandescente de 100W por outra de baixo consumo ou de tecnoloxía LED supón un aforro enerxético do 80%-90% mantendo os niveis de iluminación e confort; e apagar aparatos como a televisión ou o vídeo co interruptor principal e non co mando a distancia pode representar un aforro dun 3% na factura de enerxía anual.

También te podría gustar...