O Incio logra a navegabilidade sen motor do embalse de Vilasouto
- Trátase dunha petición do Goberno local formulada á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil no verán do ano 2019
- O alcalde, Héctor Corujo, asegura que “é moi importante para o noso Concello polas posibilidades que se abren a partir de agora no embalse, sobre todo pensando no tempo de lecer e no seu aproveitamento para o turismo ou deportivo”
O Concello do Incio vén de lograr a navegabilidade do embalse de Vilasouto, cuxa petición presentou formalmente no verán do ano 2019 á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
O alcalde, Héctor Corujo, considera que “é moi importante para o noso Concello polas posibilidades que se abren a partir de agora no embalse, sobre todo pensando no tempo de lecer e no seu aproveitamento para o turismo ou deportivo”. Tanto é así, explica, que o Goberno local xa prepara algunha actividade no embalse para celebrar, en canto sexa posible, que a petición fora adiante.
Na súa resolución con data do 6 de setembro, a CHMS explica que
“As actividades de navegación e/ou flotación que se poidan desenvolver no encoro de Vilasouto non se consideran susceptibles de xerar afección na calidade da auga que implique unha deterioración nos resultados da avaliación do estado químico e do potencial ecolóxico da masa de auga, sempre que:
- Se realicen en embarcacións a veta e/ou remo, pero excluíndo o uso de motor.
O escrito aclara que se permite unicamente a navegación a vela e a remo debido a que nesta presa sitúase a toma para o abastecemento ao termo municipal de Bóveda. Así mesmo, ao ser unha presa vinculada tamén cun aproveitamento de rega puidese darse o caso que en determinadas épocas do ano non calase suficiente para o seu exercicio ou ben o acceso para o exercicio para a navegación ou flotación sexa difícil ou imposible.
Tamén se precisa que non se poderá exercer a navegación e/ou flotación nos perímetros balizados respecto diso, así como dentro da zona onde se pode exercer a navegación e/ou flotación deberá ter especial coidado cos esqueletos de árbores que non se tallaron antes do enchido e que afloran durante os períodos no que a cota está baixa.