O Igape destaca a colaboración dos clústers galegos para avanzar na competitividade e na internacionalización do tecido produtivo
O director do Igape, Javier Aguilera salientou onte a importancia de potenciar a colaboración entre os clústers como unha excelente panca para avanzar na mellora da competitividade empresarial e na internacionalización do tecido produtivo galego. Durante a súa participación na presentación da marca Clusters Galicia, que reúne aos dez clústers galegos que contan con recoñecementos de excelencia a nivel europeo ou nacional, Aguilera destacou a importancia da cooperación entre diferentes clusters como ferramenta para potenciar a competitividade dos sectores implicados.
Clusters Galicia constitúese como unha rede de clústers orientada a potenciar sinerxías entre as empresas de diferentes sectores e respaldar o seu acceso a mercados internacionais. Inicialmente, forman parte desta rede os clústers galegos de acuicultura, alimentación, automoción, audiovisual, granito, madeira, comunicación gráfica, TIC, naval e téxtil-moda.
A Consellería de Economía e Industria vén facilitando desde hai anos o reforzamento dos clústers galegos e a colaboración entre eles para promover as mellores prácticas, os proxectos conxuntos e as alianzas a nivel rexional, nacional ou internacional.
O director do Igape, Javier Aguilera amosou hoxe a súa confianza en que siga a medrar o número de clusters excelentes en Galicia. Nesta liña de traballo, Agulera lembrou que os próximos días 10 e 11 deste mes de setembro desenvólvese en Santiago a V Conferencia Internacional de Clústers, que reúne a representantes de rexións de Italia, Portugal, Bélxica, Francia ou Dinamarca para avanzar na procura de alianzas e proxectos conxuntos.