O IES Lauro Olmo e o CEIP Otero Pedrayo participarán en febreiro na 3ª edición de ‘Separemos ben, reciclemos mellor’
O IES Lauro Olmo e o CEIP Otero Pedrayo participarán en febreiro na 3ª edición de ‘Separemos ben, reciclemos mellor’.
A terceira edición da campaña autonómica Separemos ben, reciclaremos mellor, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Sogama, e que conta coa colaboración de Ecoembes, Ecovidrio e os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP), formará o próximo mes a máis de 3.000 escolares de distintos concellos de Galicia, entre eles a dous centras da comarca.
A finalidade desta iniciativa é que o alumnado de primaria e secundaria participen de forma activa na correcta xestión dos residuos urbanos, asumindo as súas responsabilidades.
Un grupo de educadores medioambientais visitarán 42 centros para levar a cabo estas actividades educativas. O principal obxectivo é instruír aos alumnos nas boas prácticas vinculadas ao principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), ensinándolles como diminuír a produción de lixo, como alongar a vida útil dos produtos.
Tamén se lles facilita formación para formar parte do sistema de recollida selectiva, separando correctamente os desperdicios en orixe e depositándoos nos diferentes contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks); azul, para os de cartón e papel; iglú verde, para os envases de vidro; contedor específico para pilas; e recipiente verde convencional, para a fracción resto, que Sogama, mediante tecnoloxías de última xeración, consegue transformar en enerxía eléctrica.