O Hospital aumentou seus facultativos e mantén o mesmo persoal de garda segundo o SERGAS
A Xerencia executiva do Sergas pretender desmintir nun comunicado que se estean a producir traslados urxentes por falta de persoal de garda, sendo absolutamente falso que o pasado domingo 6 de xullo se trasladase a un paciente por falta de anestesista
Segundo o comunicado o persoal de garda e o tipo destas é o mesmo desde a apertura do hospital o que garante plenamente a actividade asistencial tanto médica como cirúrxica en tódolos tramos horarios
Segundo o Sergas «O único cambio na organización das gardas é a retribución que os facultativos perciben por realizalas e non ten incidencia na oferta asistencial»
O Hospital Comarcal de Valdeorras segundo informa o Sergas aumentou seus facultativos, pasando de 66 médicos, en 2010, a 70, este ano, «ademais de manter o mesmo número de profesionais de garda, e coa mesma modalidade, que nos últimos 30 anos, o que garante os 365 días do ano a asistencia urxente, con criterios de calidade, rapidez e seguridade desde o propio hospital.»
«O único cambio na organización de gardas foi a retribución económica que se abonaba por este concepto, poñendo límite a unha situación de excepcionalidade plasmada tanto no informe do Consello de Contas de 2010 de Fiscalización do Servizo de Urxencias do HCV e, nunha recente sentenza xudicial, sobre aboamento de gardas no servizo de Hematoloxía» informa as autoridades com competencia en Sanidade.
O Hospital Comarcal de Valdeorras mantén sen cambios em palabras do SERGAS o número e tipo de gardas médicas o que permite garantir a súa actividade en horario urxente: É dicir «un profesional de presenza física en Medicina Interna os 365 días do ano, e un de garda localizada tamén tódolos días do ano, en Anestesia, Cirurxía, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Pediatría, Radioloxía, Análises Clínicos, Oftalmoloxía e Hematoloxía e, coincidindo cos seus días de programación cirúrxica, de Uroloxía e Otorrinolaringoloxía.» Todas elas se manteñen, recalcam no comunicado.
Ademais desta distribución de gardas: «coma sempre» , o Hospital Comarcal de Valdeorras «continúa a ter capacidade para mobilizar a aqueles profesionais que sexan precisos para atender unha necesidade cirúrxica urxente, xa sexa un facultativo mais, dous ou tres incluso, e de feito así se ven facendo, moitas veces, directamente xestionado polo xefe de garda»
Por elo, o SERGAS quere desmentir taxantemente que » o pasado domingo 6 de xullo se trasladase a un paciente por falta de anestesista, xa que o único criterio de traslado a outro hospital é sempre clínico.»
O pasado domingo día 6, pola tarde segundo o SERGAS, o Servizo de Cirurxía do HCV decidiu realizar a intervención urxente dun paciente, ingresado neste mesmo centro desde o día 29 de xuño. O anestesista de garda estaba atendendo un procedemento nese momento, polo se chamou a un segundo anestesista, con plena dispoñibilidade para asistir, pese a elo e ante a complexidade do paciente, o responsable de garda decidiu proceder ao traslado urxente do paciente en UVI móbil ao CHUO de Ourense, onde foi operado e permanece ingresado. segundo o SERGAS: » en ningún caso este traslado estivo motivado por falta de recursos e respondeu a unha indicación de lóxica clínica»
Reiterar que HCV conta con dous hematólogos, xa que trala renuncia de un dos seus dous efectivos, sen previo aviso, fai uns días, procedeuse a contratación dun novo profesional para este servizo, que por tanto se mantivo sen interrupción con dous especialistas.
Ante a reiteración de informacións que poderían alarmar á poboación sobre a falta de recursos cirúrxicos en horario non ordinario ou do suposto aumento de traslados cirúrxicos ao hospital de referencia e, co único ánimo de tranquilizar á poboación e velar pola súa seguridade e intereses, esta xerencia esta procedendo a realizar un exhaustivo informe sobre a indicación e volume dos mesmos, por se puidese ser pertinente establecer responsabilidades, ou medidas correctoras.