O grupo do BNG en Viana, acorda presentar no concello moción relativa á prescripción dos fármacos de última xeración a enfermos de Hepatite C

BNG-150x150O grupo do BNG en Viana, formado por Secundino Fernández Fernández, Xosé Antón Alfonso García e Antón Pérez Castro concelleiros do BNG na Corporación Municipal de Viana do Bolo, acorda presentar no concello moción relativa á prescripción dos fármacos de última xeración a enfermos de Hepatite C, ao abeiro da lexislación vixente, apresentan a seguinte

Na súa moción expoñen os motivos:

A enfermidade hepática causada polo Virus de Hepatite C (VHC) constitúe un grave problema de saúde pública. Calcúlase, en cifras do Ministerio de Sanidade, Igualdade e Asuntos Sociais, que unhas 700.000 persoas son portadoras deste virus no conxunto do Estado español.

Até recentemente os medios de tratamento dispoñíbeis producían altas taxas de fracaso terapéutico, para alén de ter unha elevada toxicidade e efectos secundarios graves. Déronse, ademais, numerosos casos de doentes que non podían someterse a eles por intolerancia a algún dos fármacos empregados.

Como consecuencia, na actualidade hai na Galiza unha cantidade importante de persoas enfermas diagnosticadas, en diferentes estadíos de evolución da Hepatite C, que non están sendo tratadas, e que teñen como única alternativa a vixilancia da súa evolución á espera de chegar a un estado que determinase a idoneidade dun transplante hepático.

Esta situación viuse radicalmente alterada coa aprobación recente de novos fármacos. Particularmente transcendente foi o feito de a axencia europea do medicamento (EMA) aprobar, a principios do ano 2014, o Sofosbuvir, un antiviral de acción directa sobre o VHC. A comercialización deste medicamento no territorio español foi aprobada pola Dirección Xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios o 5 de marzo de 2014.

O día 24 de setembro de 2014 a, daquela, ministra de Sanidade anunciou publicamente que o Ministerio acadara un acordo co fabricante do fármaco para incluílo na sanidade pública e que @s facultativ@s o puidesen prescribir a aquelas persoas enfermas que o precisaren. A ministra naquela altura acrecentou que a proposta se trasladaría inmediatamente á Comisión Interministerial de Prezos dos Medicamentos, e comunicou que en outubro poderían dispor  médicos/as dese medicamento en todo o territorio do Estado español, para o aplicar aos/ás pacientes que o precisasen.

Desde aquela hai elaborado un Protocolo de Posicionamento Terapéutico e un Documento de Priorización que están sendo aplicados, no caso galego, pola subcomisión para o Tratamento da Enfermidade Hepática, constituída na Consellaría de Sanidade.

A día de hoxe sucédense as declaracións públicas de hepatólogos/as a través da Asociación Española para o Estudo do Fígado, reclamando que os criterios para a dispensación do tratamento no sistema público sexan máis inclusivos e cifrando a necesidade de tratamentos urxentes para aplicar no territorio do Estado español nun mínimo de 30.000 para o ano en curso.

Por outra parte, o desacougo, a alarma e as queixas dos/as doentes de hepatite C, particularmente das persoas postransplantadas non negativizadas e das que se atopan en fase cirrótica (F4), van en aumento ao comprobar como nuns casos a súa situación non se inclúe dentro dos criterios de elixibilidade que se aplican  para o acceso ao fármaco, e noutros moitos a solicitude cursada polos/as seus hepatólogos/as, unha vez determinado que cumpren os requisitos estabelecidos polo Ministerio e recollidos nas Instrucións do acceso aos tratamentos da Hepatite C cursadas pola Dirección xeral de Asistencia Sanitaria, é rexeitada ou non contestada.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO:

  1. Instar ao Goberno galego para este se dirixir ao Goberno de España e exixir que se garanta o acceso ás novas terapias para as persoas doentes de Hepatite C que o precisaren. Todo isto debe producirse de acordo co criterio de médicos/as especialistas, que deben dispor de todos os recursos que foren precisos para a atención dos casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación Española para o Estudo do Fígado na súa recente reunión co Ministerio de Sanidade, Igualdade e Asuntos Sociais.
  2. Instar ao Goberno galego a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes a que lle for prescrita por persoal médico especialista do Servizo Galego de Saúde, de xeito inmediato á súa prescrición.
  1. Trasladar estes acordos ao presidente da Xunta de Galiza, á titular da Consellaría de Sanidade e aos grupos parlamentares do Parlamento galego.