O “Grand Prix Race Edition” 2016 na Veiga
- A Veiga acolle a proba deportiva e de habilidade “Grand Prix Race Edition” 2016
- O evento, co-organizado pola Deputación de Ourense, celebrarase os días 24 e 25 de xuño con participantes de diferentes localidades de España
O municipio da Veiga acollerá a proba deportiva e de habilidade «Grand Prix Race Edition» 2016. Co-organizada pola Deputación de Ourense e Qualité Sports Events, disputarase os vindeiros 24 e 25 de xuño coa participación de equipos de diferentes localidades de España. A presentación tivo lugar esta mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o deputado provincial de Deporte e o alcalde da Veiga, Juan Anta, e o coordinador do Grand Prix, Serafín Martínez.
Manuel Baltar dixo que A Veiga «fai do turismo e do deporte eixes fundamentais de desenvolvemento», remarcando a importancia de ser «un territorio recoñecido como destino Starlight que o converte nun dos mellores lugares do mundo para ver as estrelas». «O apoio da Deputación de Ourense a esta nova iniciativa é un exemplo máis da aposta irrenunciable do goberno provincial pola práctica deportiva, que con esta proba vai máis aló do deporte, pois estamos a falar tamén de promoción do territorio e de actividade económica», explicou Baltar.
Pola súa banda, o alcalde da Veiga agradeceu o apoio da Deputación de Ourense para a celebración desta proba deportiva «que permitirá que a xente que nos visite poida gozar do deporte e coñecer as únicas praias fluviais a 850 metros de altura sobre o nivel do mar». Asemade, Juan Anta lembrou que o sector hostaleiro do concello está preparado para acoller este evento deportivo «xa que contamos con 140 prazas hoteleiras, con dous hoteis e cinco casas rurais».
A proba consiste nun circuíto de seis quilómetros no que se intercalan diferentes obstáculos naturais e artificiais, ademais de probas de equilibrio, habilidade e axilidade mental que os participantes deberán resolver contra-reloxo e cos axuda dos demais compañeiros de competición.
«Para participar no «Grand Prix» é necesario formar un equipo mixto de entre 6 e 12 integrantes, que representará ao lugar de residencia da maioría deles, desde un barrio ou parroquia ata unha gran cidade», explicou Serafín Martínez. A carreira disputarase mediante un sistema de quendas, tomando a saída 10 equipos cada 15 minutos. A efectos da clasificación xeral, o sexto clasificado de cada equipo será o que determine o tempo final do seu equipo.
As probas desenvolveranse en dous días, sendo a quenda para os máis mozos, o día 24 de xuño, na que poderán participar nenos e nenas de 8 a 12 anos na categoría Junior, e de 13 a 17 anos na modalidade Promesas. Os equipos poderán estar formados de entre 4 a 8 integrantes, que se enfrontarán a un circuíto máis curto e adaptado ás súas condicións. Dende as 16.00 ata as 20.00 horas, participarán 10 colexios ou localidades.
Ao día seguinte, o 25 de xuño, terá lugar a competición de adultos, realizando entre 20 e 25 probas, e resultando gañador o grupo que estea mellor compensado nas diferentes probas físicas e mentais que deberán superar.
Os interesados en participar poderán realizar a súa inscrición na web do evento: www.elgrandprix.es