O gasto total do turismo internacional en Galicia en 2015 superou o pasado mes os 500 millóns de euros
O gasto total do turismo internacional na Comunidade medrou o pasado mes de xullo un 16% en relación ao mesmo mes do ano anterior, segundo os últimos datos da enquisa EGATUR, do Instituto de Turismo de España, que recolle as cifras relativas ao gasto que realizan en Galicia os visitantes non residentes no noso país.
Segundo esta enquisa, o gasto total que realizaron os turistas estranxeiros que visitaron Galicia neste xullo de 2015 foi de 117.489.845 euros.
O gasto medio por persoa tamén creceu neste sétimo mes do ano cunha suba do 9,4%, superando os 740 euros.
O incremento do gasto total do turismo internacional vén como consecuencia de dous factores, un maior volume de turistas internacionais –que creceron na nosa comunidade un 6% neste mes de xullo– e un maior gasto medio por persoa na viaxe.
Galicia rexistrou neste mes o sexto maior incremento a nivel estatal.
Acumulado do ano
En canto aos primeiros sete meses do ano, tamén incrementouse o gasto total do turismo internacional en Galicia, cunha suba neste caso do 9,1%, en relación ao mesmo período do pasado ano.
Os turistas internacionais que chegaron a nosa comunidade no que vai de ano realizaron un gasto total de máis de 500 millóns de euros -500.772.644 €-.
Este bo comportamento do gasto total do turismo internacional vén como consecuencia dun incremento do nivel de demanda en relación ao pasado ano -as pernoitas dos estranxeiros creceron un 15,6% neste período-.
Principais procedencias turismo internacional
O pasado mes de xullo, o turismo internacional continuou a senda de crecemento rexistrada nos últimos anos na nosa comunidade, acadando máximos históricos tanto de volume –con máis de 150.000 viaxeiros aloxados e 240.000 pernoitas- como de peso dentro da estrutura da demanda –representando o 27,4% do total de viaxeiros e o 22,1% das pernoitas-.
O principal mercado internacional neste mes foi Italia, país do cal aloxáronse nos establecementos hoteleiros de Galicia un total de 18.907 turistas. Os viaxeiros italianos representaron así o 12,3% do total de turistas internacionais aloxados na nosa comunidade no mes de xullo.
Seguíronlle en orde de importancia o mercado portugués, con 18.299 viaxeiros aloxados que representaron o 11,9% dos turistas internacionais, e o mercado alemán, con 16.712 viaxeiros aloxados que supuxeron o 10,9% do total.
O cuarto posto acadouno Estados Unidos ao rexistrar os establecementos hoteleiros da nosa comunidade un total de 14.484 turistas estadounidense que representaron o 9,4% do total de viaxeiros internacionais aloxados. Estas cifras acadáronse grazas ao espectacular crecemento deste mercado que viu incrementados os seus viaxeiros aloxados nun 48,5%.