O futuro arquivo histórico provincial de Ourense vai facilitar a difusión do importante legado plástico dos artistas ourensáns
As obras de construción do futuro Arquivo Histórico Provincial de Ourense na súa nova sede de San Francisco permitirán, ademais da ampliación e mellora da carta de servizos arquivísticos desta institución, contar cun espazo para a difusión cultural que poderá ser utilizado para expoñer o excepcional patrimonio artístico dos creadores ourensáns. Este proceso terá a súa primeira concreción coa sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Quesada por medio do que se poderá amosar no AHPOU o xenio dos Quesada.
Un proceso de difusión cultural en marcha
A Fundación Quesada foi creada para difundir a obra de Xaime Quesada Blanco, así como a do seu pai, Xaime Quesada Porto, artistas xa falecidos e de gran relevancia no panorama galego e español contemporáneo, e actualmente carece dun lugar para levar a cabo un programa expositivo que reúna e mostre o seu rico fondo pictórico, con 400 obras xa catalogadas.
Á vista da situación, a Fundación Quesada solicitou formalmente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a disposición dun espazo, de carácter provisional, para desenvolver un programa de exposicións na cidade de Ourense.
Posta en coñecemento desta circunstancia a Secretaría de Estado de Cultura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte −de quen depende a obra do novo Arquivo Histórico−, esta autoriza sen ningún tipo de reparo que a Consellería de Cultura e Educación, cando reciba a xestión do novo Arquivo de Ourense en San Francisco, poida asinar un convenio de colaboración coa Fundación Quesada.