O festival Atlántica supera con nota unha novena edición

  • Marcada polos desafíos da pandemia
  • Boa parte das 80 funcións programadas colgaron o cartel de entradas esgotadas
  • A celebración no verán permitiu o uso cultural seguro de espazos de gran valor natural e patrimonial
  • A organización planea xa a edición do 2022 como unha gran festa para celebrar os dez anos de vida de Atlántica

 

A novena edición do festival Atlántica pechou as súas portas o pasado domingo 11 de xullo logo dunha intensa programación desenvolvida por todo o país. O festival superou os esixentes desafíos loxísticos e técnicos da pandemia e da cambiante climatoloxía e foi quen de levar os contos ata unhas cinco mil persoas. Unha cifra considerable tendo en conta as restricións de aforo impostas pola situación sanitaria.

Segundo Soledad Felloza, directora do festival, “o pequeno formato dos espectáculos de narración oral e a súa capacidade de adaptación demostran que é posible facer cultura segura tomando as medidas apropiadas” e que “ese é o camiño polo que Atlántica vai seguir apostando”.

Foi unha edición marcada polas novidades: nova estación, novos espazos e novas propostas. O festival trasladouse ao verán por mor das restricións sanitarias e aproveitou para ocupar lugares onde nunca estivera antes. Unha elección de espazos que estivo marcada polo desexo de vincular o patrimonio material co patrimonio inmaterial da tradición oral. Esta busca tivo como resultado, en palabras de Felloza, “o redescubrimento de lugares singulares como espazos culturais, unha oportunidade de poñelos en valor e probar a súa idoneidade para espectáculos”.

Felloza salienta “a rede de colaboración tecida con asociacións, colectivos, fundacións, bibliotecas, concellos… que permitiron que o festival estivera por todo o país cunha organización impecable”. Tampouco esquece a alegría amosada polo público pola celebración do festival, un sentimento constatado “in situ nos propios espectáculos e tamén a través das redes sociais”.

Con ese sentimento de ledicia a organización do festival xa está a traballar no encontro de 2022, unha cita que planean como unha gran festa para celebrar os dez anos de vida de Atlántica.

Imaxes IX edición:

También te podría gustar...