O DOG publica a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Pontedeva, en Ourense
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Pontedeva.
Este documento permite ordenar os preto de 10 quilómetros cadrados de superficie de Pontedeva e establece máis dun 90% da superficie do concello como solo rústico protexido.
Unha das principais singularidades que recolle o documento é un ámbito de solo urbanizable de nova creación, que permite a ampliación do polígono industrial de Trado, que achegará novas oportunidades económicas e de emprego a este municipio, facendo que sexa un lugar máis competitivo e atractivo para os investimentos.
O PXOM establece unha capacidade residencial total de case 800 vivendas, das que un 31% será de nova creación e tamén incrementa as previsións que marca a lei no relativo á dotación de espazos libres e zonas verde case un 18% do esixido. Situación similar á relativa ao equipamento comunitario que impón a normativa, xa que non só se supera senón que se multiplica por 13.
O plan xeral de Pontedeva contou cun importante apoio por parte de Goberno galego, tanto a nivel técnico, coa celebración dun total de 7 reunións técnicas, como económico, xa que a Consellería de Medio Ambiente concedeu axudas por un importe de 78.000 euros.
Desde o ano 2009, a Xunta leva asinadas 48 ordes de aprobación definitiva de Plans Xerais de Ordenación Municipal nos concellos galegos, delas, 22 foron na presente lexislatura. Na actualidade son 81 os concellos que contan cun planeamento adaptado, 28 pertencentes á provincia de Ourense, o que sitúa a esta provincia como a segunda en número de concellos que contan con PXOM aprobados e adaptados á lei vixente.