O Diario Oficial de Galicia publica as axudas económicas para as vítimas da violencia de xénero
O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe as convocatorias das axudas económicas para mulleres víctimas da violencia de xénero, nas súas tres modalidades (pago periódico, pago único e indemnizacións), cun importe total plurianual de máis de 2,2 millóns de euros.
Estas axudas buscan garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo. Así, o goberno galego establece tres tipos de axudas, as axudas periódicas, e as axudas de pago único e indemnización.
Axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero
A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2015. Para a concesión destas axudas destinaranse 1,7 millóns de euros.
A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de doce mensualidades. O importe das axudas varían entre 300 e 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, e dos fillos/as menores e menores en acollida a seu cargo, e de circunstancias de discapacidade. Estas axudas tentan garantir ás mulleres vítimas da violencia de xénero unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.
Os requisitos para optar a estas axudas son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
O ano pasado, beneficiáronse destas axudas 336 mulleres víctimas de violencia de xénero (286 no 2013, o que supón 50 mulleres máis atendidas no 2014) das cales o 85% tiña nacionalidade española e o 15 % estranxeira. Segundo a idade o maior número de mulleres beneficiarias está entre os 26 e os 45 anos. Das 336 beneficiarias, 219 tiñan fillos/as. Da totalidade das beneficiarias sinalar que 26 eran mulleres con discapacidade.
Axuda de pago único e indemnización
Estas axudas están reguladas pola Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero que establece o dereito a unha axuda económica para aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero que se sitúen nun determinado nivel de rendas e sobre as que se presuma que pola súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, teñen especiais dificultades para obter un emprego. Trátase dun dereito subxectivo, mediante o que se pretende facilitar a súa integración social.
Por outra banda, o Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións regulado no artigo 43 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, indica que a Xunta concederá indemnizacións a favor das mulleres que sofren violencia de xénero e/ou das e dos menores ou persoas dependentes afectadas que residan en Galicia e que non poidan percibir as indemnizacións que lles correspondan polos danos e perdas causados, e que resultarán fixadas mediante sentenza xudicial ditada polos xulgados e tribunais con sede no territorio galego. Estas indemnizacións aboaranse cando exista constatación xudicial de incumprimento do deber de satisfacelas por insolvencia económica e este incumprimento conleve unha situación de precariedade económica.
A finalidade das axudas establecidas na antedita Lei orgánica é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; a das indemnizacións previstas na Lei galega é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2015 no caso da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e o 31 de outubro de 2015 para a indemnización recollida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Para a concesión destas axudas destínase crédito polo importe de 445.000 , das cales 400.000 euros son para axudas e 45.000 euros para indemnizacións, O número de mulleres que percibiron esta axuda foi de 65 (4 máis que o ano anterior). Das mulleres beneficiarias, o 91% tiña nacionalidade española. Segundo a idade o maior número de mulleres beneficiarias está entre os 26 e 45 anos. Das 65 mulleres, 48 delas tiña fillos/as Apuntar que 15 delas eran mulleres con discapacidade.
A contía da indemnización a aboar será a fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento trala declaración de insolvencia do obrigado a esta. A contía máxima da indemnización establécese en 6.000 euros por cada persoa beneficiaria. No ano 2014 rexistráronse 7 casos no Fondo Galego de Garantía de indemnizacións.