O «Día Mundial da Auga» e a importancia «dunha xestión responsable dos recursos hídricos»

  • Rosendo Fernández destaca na presentación dos actos do «Día Mundial da Auga» a importancia «dunha xestión responsable dos recursos hídricos»

0 0 RF no Da Mundial da Auga

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou onte na presentación das actividades conmemorativas do Día Mundial da Auga -que se celebra o vindeiro 22 de marzo-, no Salón de Graos do Edificio de Ferro. O acto contou tamén coa participación da concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a concelleira de Turismo e Termalismo, Isabel María Castelo; e a decana da Facultade de Dereito, Marta Fernández.

A Deputación de Ourense, que xa participou o ano pasado no I Congreso Internacional da Auga, «apoia as iniciativas que redundan en favor da protección do medio ambiente e, sinaladamente, as referidas aos recursos hídricos, tanto no que atinxe a auga desde o punto de vista da saúde, do ocio ou dos servizos esenciais deste recurso», afirmou Rosendo Fernández, quen engadiu que a auga «é fonte de vida, e de aí a necesidade de mellorar a súa xestión e coñecemento, dende unha perspectiva global e multidisplinar, xa que esta propicia o benestar social e inflúe na saúde alimentaria, humana e no medio ambiente». Así mesmo, asegurou que tratándose do Día Mundial da Auga «temos que continuar a destacar a función esencial da auga e propiciar melloras para a poboación mundial e debater cómo debemos xestionar os recursos hídricos».

Baixo o lema «Auga e postos de traballo», o día 22 de marzo conmemórase o Día Mundial da Auga co obxectivo de chamar a atención sobre a importancia deste recurso e da súa xestión sustentable. O campus de Ourense, por segundo ano consecutivo e no marco do seu proxecto de especialización como Campus da Auga, únese a esta celebración organizando un amplo abano de actividades coa colaboración da deputación de Ourense e do concello. A programación culminará o día 29 de marzo cunha xornada de portas abertas á que está convidado a asistir o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra.

Posteriormente, Rosendo Fernández tamén estivo presente na presentación do primeiro número da Revista da Auga, Dereito e Sostenibilidade (REDAS), unha revista electrónica xestionada dende a Facultade de Dereito, no contexto académico do Campus da Auga. Trátase da primeira publicación xurídica española especializada na auga e o medio ambiente. Conta co patrocinio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Coren, e coa colaboración institucional do Campus da Auga e da Entidade Pública Empresarial «Augas de Galicia».

También te podría gustar...