O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, mantivo onte un encontro co alcalde ourensán, Jesús Vázquez

DSC_3463

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acordaron onte pór en marcha de inmediato o obradoiro de emprego concedido pola Consellería de Traballo e Benestar ao concello da capital. Esta iniciativa ofrecerá formación e emprego a 23 desempregados e contará cun presuposto de 204.218 euros. Ademais, Martínez e Vázquez avanzaron distintas actuacións conxuntas, en materia de emprego, que se van desenvolver nos próximos meses na cidade das Burgas. Así o concretaron durante unha reunión que mantiveron esta mañá para avanzar naqueles asuntos que “ocupan conxuntamente” á capital ourensá e á Xunta.

Martínez subliñou que tanto el coma o alcalde son conscientes de que a cidade acapara un tanto por cento moi importante do paro rexistrado  en toda a provincia polo que “é necesario apostar por accións formativas e de emprego para mellorar a empregabilidade”.”Manter tódalas iniciativas dirixidas a este obxectivo  é unha das prioridades da axenda común entre o Concello e o Goberno galego”, incidiu Martínez, por iso, engadiu, “comprometémonos a seguir traballando na inserción e reinserción laboral das veciñas e veciños da capital das Burgas”.

O delegado territorial lembrou, nesta liña, o esforzo que a Administración autonómica veu realizando nos últimos anos para mellorar a empregabilidade no concello da cidade, cunha achega que, segundo destacou, supera o millón e medio de euros. Concretou que estes investimentos se destinaron a programas de cooperación, cursos AFD, programas integrados de emprego e a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local. 

Obradoiro “Ribeira Termal”

Rogelio Martínez e Jesús Vázquez acordaron na reunión pór en marcha este mesmo mes o obradoiro de emprego que baixo a denominación “Ribeira Termal” contará con 23 beneficiarios como alumnos, amais de 6 persoas máis como persoal directivo, docente e administrativo, e un orzamento de máis de 204.000 euros.

A través deste programa o Concello executará melloras nas distintas zonas termais emprazadas ao longo do río Miño ao seu paso pola capital ourensá: A Chavasqueira, o Muíño das Veigas, Outariz, e o tramo do Tinteiro e o paseo roxo.

O delegado territorial subliñou as vantaxes que ofrecen estes programas mixtos de emprego e indicou que “favorecen o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen unha formación teórico e práctica de calidade, certificada e adecuada ao mercado laboral, e por último, permiten a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade”.

Outro dos principais asuntos que abordaron na xuntanza que mantiveron o alcalde ourensán e o delegado territorial da Xunta -e na que tamén estiveron presentes os concelleiros Isabel Castelo, Jorge Pumar e José Araujo- foi a activación do plan de Emprego integrado, concedido hai dous meses pola dirección xeral de Emprego. Este programa, cunha duración de 12 meses, beneficiará a 70 persoas desempregadas da cidade. O presuposto para levar a cabo esta iniciativa de fomento laboral é de 134.000 euros.

Nos próximos días tamén vai comezar un curso AFD, acción formativa para desempregados, na que se impartirá a disciplina de “Seguridade informática” que sumará 518 horas de formación e que beneficiará  a 20 participantes, cun orzamento de 54.000 euros.

Ademais, Martínez recordou que a Xunta subvenciona con máis de 320.000 euros a contratación de 40 perceptores da Risga e de dous orientadores laborales no concello da cidade.

Compromiso de colaboración institucional

Durante o seu primeiro encontro quixeron limitar as súas conversas á materia de Emprego, para abordar e seguir avanzando, segundo dixeron, en próximas xuntanzas noutros asuntos concretos nos que están implicadas ámbalas dúas administracións e de importancia para esta cidade, como o Transporte Metropolitano, actualmente bloqueado;  o centro de saúde do Couto, en construción; a mellora das instalacións do Estadio do Couto, en licitación; o novo edificio xudicial, que xa é unha realidade; ou o proxecto Hospital 2050 xa en marcha .

Rogelio Martínez salientou que se tratou dunha reunión “cordial” e “frutífera” e que permitiu “darlle continuidade a colaboracións que xa estaban iniciadas” pero que, ás veces, foi difícil a súa xestión por falta dun interlocutor claro no anterior equipo de goberno municipal” .

“A nosa vontade é seguir traballando con intensidade, con diálogo e respecto institucional”, sinalou Martínez, ao tempo que amosouse confiado en que Jesús Vázquez afrontará esta nova etapa como rexedor municipal  con acerto, xa que, subliñou, conta con cualidades destacadas como a “dedicación” ou a “capacidade de xestión”.

También te podría gustar...