O Consello Regulador da D.O. Valdeorras poderá solicitar unha axuda a Deputación de ata 50.000 euros para promoción e xestión
- A Xunta de Goberno da Deputación aproba as bases para axudas aos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras para as axudas aos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas, para accións de promoción e xestión durante o ano 2016, nas cales se contempla como contía máxima dispoñible para as axudas de 200.000 euros sendo o importe máximo da axuda concedida a cada beneficiario de 50.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 15 de xullo de presente ano. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 10 de xuño.
A Xunta de Goberno tamén aprobou resolución da convocatoria para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2016, aprobaron conceder 79.992,57 euros para diferentes asociacións e concellos da provincia de Ourense. Tamén aprobaron a resolución da convocatoria para as axudas enmarcadas dentro do programa «Ourense Líder» da Deputación para o ano 2016, polo que obtiveron a Beca Líder seis persoas como resultado da puntuación obtida na proba de inglés e na entrevista persoal.
Asemade, aprobouse unha Declaración Institucional polo Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, e en materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda ao Concello de Piñor de 8.000 euros para a organización do Rallye Mix. Ao concello de Pontedeva, para o acondicionamento da antiga escola de Xinzo para vivenda unifamiliar, por valor de 54.500 euros. O Concello de Xunqueira de Ambía recibirá unha axuda para o pintado de elementos de iluminación pública, por importe de 6.000 euros, e para a recuperación do conxunto etnográfico A Pousa, de 18.000 euros. E, para o Concello de Xunqueira de Espadañedo aprobouse unha axuda de 40.000 euros para o remate e funcionamento do Museo de Alfarería.
Asemade a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para a agrupación Coral de Ruada para gastos de funcionamento e mantemento da entidade correspondentes ao ano 2016 por importe de 6.000 euros. Para a Estación de Inverno Mazaneda SA, unha axuda de 71.000 euros para o campamento de iniciación ao esquí para nenos e nenas da provincia de Ourense no ano 2016. Por último, outra das axudas aprobadas na xuntanza foi para a instalación e colocación dunha vidreira na Igrexa Parroquial de Sobradelo pertencente ao Bispado de Astorga e declaración do Concello de Carballeda de Valdeorras como entidade colaboradora por valor de 6.000 euros.