O Consello Galego da Muller crea unha comisión sobre a muller no rural
O Consello Galego das Mulleres, reunido hoxe en Santiago de Compostela, aprobou as comisións de traballo que definirán as liñas específicas da súa actuación, entre elas unha centrada na muller no rural.
Baixo a presidencia da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, o Consello aprobou tamén a constitución das comisións sobre a diversidade funcional e sobre a situación sociolaboral das mulleres, que tamén tratará a reorganización dos tempos de traballo e a conciliación da vida laboral.
Ademais destes grupos de traballo, o pleno do Consello aprobou o regulamento de funcionamento interno, que prevé a creación de novas comisións para o estudo e análise de temas específicos, se se considerar oportuno, informou a Xunta nun comunicado.
O Consello Galego das Mulleres foi constituído no pasado mes de marzo, co fin de actuar como canle de participación efectiva de institucións e asociacións no deseño de políticas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, da discriminación e da promoción da igualdade entre homes e mulleres, para alén de dar asesoramento en materia de políticas de igualdade. EFE