O conselleiro de Cultura e Educación participou na presentación dun libro sobre a traxectoria vital e literaria de Luz Pozo Garza
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta tarde na presentación dun libro biográfico sobre a poeta e académica Luz Pozo Garza, cuxa obra, subliñou, “resulta imprescindible para comprendermos a literatura galega contemporánea”.
Baixo o título ‘Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza’, os investigadores Andrés Pociña e Aurora López afondan na traxectoria persoal e profesional da autora ribadense. De feito, teñen dedicado máis de dez anos ao seu estudio, coa compilación de datos, noticias e textos de Luz Pozo, algúns deles pouco coñecidos ou mesmo inéditos.
Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación dixo que Luz Pozo Garza “forma parte importante da nosa identidade” e a súa obra é un expoñente dese “gran momento de ilusión que supuxo a chegada das liberdades” e que “continúa hoxe, cun sistema literario consolidado e profesionalizado, que se manexa como parte dun mercado mundial que espera as nosas contribucións”. Para Xesús Vázquez Abad, “a grandeza” de Luz Pozo reside “nun pulo vital que merece a nosa admiración entusiasta e recoñecida”.
O conselleiro de Cultura expresou que proxectos como este forman parte “da nosa responsabilidade de situar no plano que lle corresponde a nosa escrita e -engadiu- consideramos que a transmisión da potencia creativa que se dá en Galicia pasa por sistematizar e debuxar as biografías dos talentos magníficos que se veñen expresando na nosa terra”. Vázquez Abad aproveitou o acto para expresar os seus parabéns aos investigadores Aurora López e Andrés Pociña como responsables deste proxecto editorial, que conta co apoio da Consellería de Cultura, así como á Alvarellos Editorial, encargada de editalo.
O libro complétase con reflexións da propia escritora sobre a súa obra literaria, e cunha selección de fotografías e ilustracións como resumo gráfico de case un século de vida comprometida coa cultura e con Galicia. Así mesmo inclúe unha antoloxía da súa obra poética.
Ademais do conselleiro, da propia poeta e dos autores Andrés Pociña e Aurora López, na presentación tamén estiveron o editor Henrique Alvarellos, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.