O Concello de A Rúa cumpre ca estabilidade orzamentaria
- O Ministerio de Facenda admite o erro municipal na introdución de datos e exime ao Concello da elaboración dun Plan Económico-Financieiro
Tras un longo proceso administrativo, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas vén de permitir o levantamento da sinatura do Concello de A Rúa na plataforma de introdución dos datos económicos municipais. Deste xeito o departamento dirixido en funcións por Montoro asume como correcto o informe externo elaborado para o Concello, que modifica substancialmente o resultado da liquidación orzamentaria de 2014.
Así o deu a coñecer o Concello, nun comunicado no que detalla que cos novos datos xa introducidos na plataforma ministerial o informe de cumprimento da regra de gasto é positivo mentres que o informe-avaliación de Estabilidade orzamentaria pasa de ofertar un dato de necesidade de financiamento de 400.000 euros a unha capacidade de financiamento de 168.252,87 euros.
O Concello de A Rúa apunta que “como informamos con anterioridade, o erro produciuse na incorporación dunha serie de datos referidos aos chamados “Axustes SEC”. Estes axustes fan referencia á diferenza entre a capacidade ou necesidade de financiamento (en termos de Contabilidade Nacional) e o saldo de operacións non financieiras (en termos orzamentarios). Ese axuste tiña de ser sumado ao saldo de operacións non financieiras para obter a capacidade ou necesidade de financiamento”.
O feito de non ter que realizar un plan de axuste abre para o Concello as posibilidades de poder realizar un orzamento para 2016 (sempre en base ao resultado da liquidación de 2015) ó non ter que hipotecar 400.000 euros para destinalos á subsanación dun déficit que imposibilitaría ate o extremo o normal funcionamento da institución municipal no exercicio en curso.
En todo caso, a elevada débeda municipal que arrastra o Concello implica que 2016 terá de ser obrigatoriamente un ano de contención importante no gasto para A Rúa xa que só no referido á débeda viva atopámonos case 20 puntos por riba do obrigado hoxe pola lei (93% frente ao 75% que é o tope admitido). O Concello arrastra, ao tempo, un remanente de tesouraría negativo de -272.000 euros, deixado nas arcas municipais polo equipo xestor anterior.