O Concello da Pobra de Trives vén de publicar a súa páxina web institucional
O Concello da Pobra de Trives vén de poñer en liña a súa páxina web institucional. Trátase dunha vella aspiración convertida en realidade que multiplica as posibilidades da vila ao permitir a milleiros de visitantes coñecer un dos enclaves referentes do turismo interior de Galicia.
apobradetrives.es ten como obxectivo converterse nun servizo público de referencia tanto para os veciños e veciñas, como para os milleiros de visitantes que visitan cada ano o municipio.
A páxina web institucional, realizada cun mínimo custe para as arcas públicas, ofrece todos os servizos necesarios para que o cidadán poida realizar consultas, enviar suxestións e facer trámites en liña. Así mesmo pón a disposición de todas e todos as actas dos plenos, así como documentación sobre o funcionamento da administración.
apobradetrives.es nace como a plataforma necesaria para proxectar a imaxe de Trives como referente do turismo interior de Galicia. A vila constitúe por si mesma un reclamo polas súas condicións naturais, patrimoniais e históricas. A páxina web será a plataforma para visibilizar os recursos de Trives entre os milleiros de usuarios na rede.
A Pobra de Trives hai tempo que renunciou a súa condición de localidade recreada nun pasado nostálxico. O sitio de Trives na rede e o contenedor desa aspiración real que responde a vontade cidadá de ser un lugar para visitar, vivir e investir. Trives é a mostra de que é posible construir un futuro distinto, un futuro posible.
CARACTERÍSTICAS DE DESEÑO
A web www.apobradetrives.es é un sitio de fácil navegabilidade, cun plantexamento intuitivo e cun diseño moi visual. Emprega as cores corporativas da institución municipal e a pesar de ter o carácter de institucional conta con elementos divulgativos e cunha extensa guía de recursos para facilitar o acceso ao tecido asociativo público e privado.
Na páxina web hai un amplo espazo pensado para que os usuarios poidan coñecer os recursos turísticos de Trives. Nas pestañas que ver e que visitar pódese facer un percorrido polos roteiros e polo patrimonio material e inmaterial. Tamén se inclúe a forma de acceso a todos os recunchos de interese, histórico e patrimonial.
O mantemento da web corre a cargo do persoal do Concello da Pobra de Trives e baixo a dirección da alcaldía concíbese como un espazo aberto e plural ao servizo de toda a cidadanía.
DÍA IMPORTANTE PARA TRIVES
O lanzamento da páxina web responde ao compromiso do Goberno municipal de transformar e modernizar Trives paseniñamente. Baixo a premisa de optimización de recursos e de cumprir os obxectivos marcados o Concello xa conta cun novo instrumento que continua en proceso de mellora e de incremento de contidos e propostas.
O alcalde da vila, Francisco José Fernández, mostrou a súa satisfacción «por
un éxito de todos e todas». Tras superar atrancos e ver cumprido o obxectivo,
o rexedor agradeceu a colaboración desinteresada de cidadáns e cidadás
triveses e trivesas, da Deputación Provincial e dos seus traballadores.
Francisco José Fernández resaltou que «Trives faise entre todos e todas e
contando con todos e todas».