O ciclo ‘Danza 3’ levará a O Barco e a outros once concellos galegos o baile e a música tradicionais da man de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos

  • O ciclo ‘Danza 3’ amplíase a 12 concellos para promover o baile e a música tradicionais da man de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos
  • A edición de 2016 comeza este sábado en Mondoñedo, que participa neste programa xunto a Arteixo, A Baña, O Barco de Valdeorras, A Cañiza, Castrelo de Miño, Melide, Oza-Cesuras, Palas de Rei, Sarria, Valga e Vila de Cruces
  • A Agadic volve colaborar con estas tres agrupacións, que conforman o colectivo XOC, para lles transmitir aos espectadores a riqueza do noso folclore a través de espectáculos que coidan todos os elementos artísticos e da posta en escena

 

fae47a696b4231ccbbb3ba780b33e99b

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as agrupacións integrantes do colectivo XOC –Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos– presentaron hoxe en Santiago unha nova edición do ciclo de difusión da música e o baile tradicionais ‘Danza 3’, que este ano amplía a súa programación a 12 actuacións noutros tantos concellos galegos: Arteixo, A Baña, O Barco de Valdeorras, A Cañiza, Castrelo de Miño, Melide, Mondoñedo, Oza-Cesuras, Palas de Rei, Sarria, Valga e Vila de Cruces.

Interviñeron nesta presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); e o director de Xacarandaina, Quique Peón, ademais un grupo de pandeireteiras e un dúo de gaitas da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos, que interpretaron un par de pezas sobre o escenario do Salón Teatro. Asistiron tamén representantes desta última formación, así como de O Fiadeiro.

Vizoso patrimonio inmaterial
Anxo Lorenzo incidiu no traballo que realizan as diferentes asociacións, agrupacións, escolas e entidades dentro e fóra de Galicia para manter vivo este vizoso patrimonio inmaterial. Subliñou, así mesmo, a súa función pedagóxica, grazas á que se garante unha remuda xeracional indispensable para continuar afondando na investigación, conservación, formación, divulgación e posta en valor do baile e a música tradicionais.

Tamén o director da Agadic, entidade que apoia ‘Danza 3’ desde 2013, recoñeceu o papel deste tipo de agrupacións a prol dunha parte esencial da cultura de Galicia, ao tempo que subliñou o carácter divulgativo e promocional do ciclo na procura dunha maior proxección social deste labor de conservación e transmisión do folclore galego.

Calendario de actuacións
A carteleira de 2016 arranca este sábado 25, ás 20.30 horas, co espectáculo que Xacarandaina desenvolverá na praza dos Muíños de Arriba de Mondoñedo. A formación coruñesa presentarase tamén en Oza-Cesuras (3 de xullo, na praza do Concello), Sarria (1 de outubro, na Casa da Cultura) e Arteixo (15 de outubro).

O Fiadeiro, de Vigo, ten programadas outras catro representacións en Melide (30 de xullo, na praza do Convento), Castrelo de Miño (13 de agosto, na praza do Parque), A Cañiza (15 de agosto, na praza Maior) e no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras nunha data por confirmar. Por último, a agrupación compostelá Cantigas e Agarimos actuará na Baña (30 de xullo), Vila de Cruces (7 de agosto), Palas de Rei (18 de setembro) e Valga (data por confirmar).

No caso das actuacións ao aire libre, as agrupacións exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio, nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se buscará implicar o público asistente, de xeito que cada función será única e espontánea.

Tres galas
En canto ás tres citas que terán lugar en recintos pechados (Casa da Cultura de Sarria, Teatro Lauro Olmo do Barco e Auditorio Municipal de Valga), as postas en escena desenvolveranse a xeito de gala ou espectáculo total. Así, Cantigas e Agarimos representará ‘Balbino’, no que lembra a figura e a obra de Xosé Neira Vilas; Fiadeiro escenificará ‘Esta noite hai unha fía: nas catro esquinas’ e Xacarandaina preparará unha gala na que os seus grupos de música e baile tradicional compartirán escenario coas xentes do pobo que viviron e conservaron o noso folclore.

Neste sentido, as tres montaxes serven de homenaxe a todas as persoas que exerceron e exercen de transmisores e baluartes da danza e a música tradicionais galegas. Con elas, as agrupacións do colectivo XOC –que suman máis de 1.500 socios– están a difundir tamén a petición que lle farán chegar ao Ministerio de Educación e Cultura para conseguir a declaración BIC, paso previo á presentación diante da Unesco da candidatura do ‘Baile e música de Galicia’ a Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

También te podría gustar...